O CRISOL | O |
20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.QUERO PROCLAMAR dende aquí a miña máis profunda admiración para un colectivo que pulula polo mundo facendo crible o incrible e vendendo o invendible: os publicistas. Os creadores de soños xa non están tan só na Meca do cinema. Hai un grupo cada vez máis numeroso e máis recoñecido que ten a extraña capacidade de chegar ó máis fondo do noso cerebro e facer que de súpeto nos entren ansias consumistas. O mundo da publicidade xa non é o que era. No televisor xa non escoitamos os repetitivos eslóganes que facían que aborreceramos os productos. A odiada publicidade converteuse nun traballo de enxeñería ante o que, cada vez máis, temos que quitar o sombreiro. As mentes pensantes que se atopan tras os spots publicitarios buscan fórmulas maxistrais que acaben co tópico de ir ó baño mentras ven a publicidade. O seu obxectivo, amáis do obvio, é que nos quedemos ante o televisor para ver o anuncio, que o saibamos de memoria, que nos intrigue, que falemos del, e hai algúns que o conseguen. ¿Quen non ten dito iso de «Hola, soy Edu, felíz Navidad»?. ¿Alguén pode resistirse á voz doce do «Para los altos, para los bajos, para los que vienen, para los que van....»? ou, ¿cantos poden presumir de non ter cantado endexamais a canción do «Yo soy aquel negrito, del África tropical...»? Chegan a funcionar como bandas sonoras dunha época, marcan estilo e impoñen modas. Son odiados pero cada vez máis admirados, e conseguen algo que moitos desexan: vender. A publicidade converteuse no pan noso de cada día. ¿Alguén se atreve a vivir sen ela?.