«Precisamos o auditorio para ampliar a nosa programación»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Alfredo López Mosquera A localidade silledense de Bandeira acollerá o domingo un festival de bandas

17 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación Musical Recreativa e Cultural de Bandeira organiza, en colaboración co Concello de Silleda, a Consellería de Comunicación Social e a Federación Galega de Bandas de Música Populares, o terceiro Festival de Bandas de Música Populares que se celebrará este domingo, ás cinco da tarde, na Praza do Antroido de Bandeira. -¿Un festival que xa está consolidado? -A nosa banda participa en concertos e festivais que organizan outras formacións bandísticas e quixemos contar en Bandeira cun festival propio. Este domingo imos a celebrar a súa terceira edición e penso que xa é bastante coñecido. Supón tamén para nós unha oportunidade de facer intercambios musicais coas formacións convidadas que nesta ocasión serán a Banda Escola de Música de Ortigueira, a Banda de Música Municipal de Arbo e, a anfitriona, a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira. -¿Cantas pezas interpretará cada unha? -Está previsto que cada unha interprete catro. Ás cinco da tarde, as formacións farán a súa entrada no recinto da Praza do Antroido e logo darán o seu concerto. Entre acto e acto procederase a presentar ás bandas e farase unha breve semblanza dos seus directores. -¿Que previsións fan de asistencia? -Non é doado facer unha previsión destas características. O tempo inflúe moito neste tipo de actos aínda que contaremos cunha gran carpa por se chovera. O ano pasado caeron chuzos e centellas. É preciso ter en conta que este ano o festival coincidirá coas festas patronais de Lalín e algún público seguro que nos restará. De tódolos xeitos agardamos que veña moita xente do municipio e doutros rincóns da comarca. -Unha vez esté rematado o auditorio, ¿programarán máis concertos da banda? -É certo que precisamos o auditorio para ampliar a nosa programación. Facela moito máis extensa.