Para os homes, para as mulleres

DEZA

O CRISOL | O |

28 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ACAPARA PORTADAS, ocupa tempo nos informativos, adícanlle programas especiais, e é quen de deter a vida dun país enteiro. O fútbol move millóns, e dende hai un tempo, tamén move mulleres. Unha tempada máis, iso que chaman Liga das Estrelas volve a porse en marcha, e con ela irrematables horas de encontros sobre o céspede, de insultos ós árbitros e de berridos nas bancadas. ¿Non o botaban de menos?. Eu sí. Ademáis, con iso de que este ano chegaron novos talentos , pois haberá que apuntarse ó plus . Ata hai uns anos o deporte nacional estaba limitado ó sexo forte, xa saben, a ese que non pode chorar porque non lle é propio, pero agora xa cambiou o conto. A cancionciña aquela na que unha mociña se preguntaba a razón pola que a abandoaban os domingos polo fútbol está fora de onda, e as mulleres somos quen de dicir o que é un fóra de xogo sen ter que acudir a ningún manual. Aínda que cada día máis mulleres se deixan a gorxa nos campos de fútbol e diante do televisor recordando os ancestros do árbitro, a verdade é que moitos aínda pensan que o fútbol é cousa de homes. Unha das dúbidas que asaltan á maioría da xente cando pensan nas mulleres diante do fútbol é ¿que buscan realmente? Pois témome que hai respostas para tódo-los gustos. Algúns mal pensados dín que só buscamos ver a chicos de bó ver correndo en calzóns detrás dun balón. Outros, máis coherentes, fíanse cando dicimos que a nós tamén nos gusta ver os partidos de fútbol pola emoción de ver a 22 deportistas de elite xogándose a honra e os millóns. En fin, nada que vai para ningures. Comeza a liga, así que, señoritas e señores, a desfrutala.