O Día da Galicia Mártir presentarase a gravación de Bóveda coa Polifónica

Rubén Bastón PONTEVEDRA

DEZA

MANUEL FERNÁNDEZ-VALDÉS

13 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Varios actos culminarán as celebracións do ano Alexandre Bóveda no Día da Galicia Mártir, o domingo 17 de agosto. Ás clásicas homenaxes ó galeguista ourensán en Pontevedra e Poio, sumarase esta edición a organización dun concerto na súa honra, sempre na perspectiva, o centenario do nacemento do político. Ás 13 horas do domingo, realizarase a tradicional homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, en Poio. No lugar no que foi fusilado xunto a moitos outros, falarán o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela; unha das súas fillas, Amália Bóveda, e dous representantes do goberno municipal de Poio. A novidade deste ano será a exposición pública por primeira vez do único rexistro existente de Bóveda cantando. É unha gravación da Sociedade Coral de Pontevedra, na que estaba integrado o político nacionalista. Pola tarde, oficiarase unha misa no cemiterio de San Amaro, no que permanecen soterrados os restos de Bóveda. No acto participará o poeta cangués Bernardino Graña. Logo, arredor das oito da tarde, os actos desprazaranse á praza de Curros Enríquez. O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, fará unha breve salutación, antes das intervencións do nacionalista Bautista Álvarez e do fillo do homenaxeado, Xosé Luís Bóveda. Por último, un espectáculo titulado Bóveda, símbolo e guía xuntará na praza da Ferrería a varios grupos de música galega. Os artistas ofrecerán unha montaxe exclusiva que combinará imaxe, son e cancións creadas para a ocasión.