O CRISOL | O |
26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O OUTRO día ía eu pola rúa e oín como alguén buscaba a unha tal Jenifer Ferreiroa, amiga de Maikel Pereiro e ex moza de Brian Castiñeiras. Case se me parte o corazón. ¿A dónde foi a parar o Xan, o Antía ou o Helena? ¿Acaso por comer hamburguesas temos a obriga de remodelar o santoral? Pode que os meus oidos sexan demasiado sensibles a certas encadenacións fonéticas, pero é que non consigo acostumarme ós Cristian Josés, ás Samanthas Marías ou ós Kevin Luises. Dende aquí fago un chamamento ós pais dos recén nacidos deste país. Non marquen de por vida ós seus fillos con nomes como Chenoa, Dinio ou Aramis. Por moito que lle chamen Neo ó seu retoño, non vai a salvar ó mundo, nin porque se chame Sherezade terá unha vida de conto de fadas. Ademáis non todos os Ronaldos, ou Ronaldinhos, xogan ben ó futbol, nin todas as Cindys se parecen á Crawford. Nomes de culebróns ¡Volvamos ó noso! Deixémonos dunha vez por todas de retorcidos nomes de culebrón. Esquezámonos das repeticións silábicas do estilo de Nonó, Mimí e Fefé que non levan a ningures. ¿Por que ter que deletrear o nome do recén nacido no rexistro civíl podendo chamarlle María, Xabier ou Carlos? ¿Non se dan conta de que bautizando ós pequechos como Jessica ou Tiger os están condenando a non festexar o seu santo? Deixemos o Richard e regresemos ó Ricardo, porque o destino de Xurxo non será mellor porque se chame George. ¿ Ou sí?