Ocio e cultura para os nenos

DEZA

EL CRISOL | O |

24 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

GÚSTANME as actividades para os nenos. Gústame que os de Rodeiro teñan a oportunidade de practicar Escachorum huevorum na piscina, que leven ós de Agolada a divisar o mundo dende os tobogáns do Aquapark de Cerceda e que os de A Estrada pasen unha tarde de lecer onda os seus colegas lalinenses. Rematou o tempo no que en Deza e Tabeirós as actividades infantís máis complexas se baseaban en darlle vinte pesos ó rapaz e que montara nas lanchas das festas. Por fin. Entrounos na cabeza que o ocio e a cultura dan aire fresco, que abren mentes e fan á xente máis feliz. Agradécese a labor de históricos como os da Romería do Rapaz de Siador, que montaban obradoiros para nenos cando os talleres da maioría dos rapaces eran botar as vacas á tardiña. Gústame todo esto, os campamentos, as ludotecas e todo o que soe a dinamización. O que non me gusta, é que haxa rapaces que medren co terror da violencia doméstica ou coa pena dunha nai asasinada polo seu pai. Hainos na zona. E deberíanse abrir moitos frentes para que eles tamén sorriran.