«A entrada de Galisec é o mellor que lle podía pasar ó clube»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

O fundador do Enredo deixa a presidencia do seu club tras catorce anos co equipo asentado na Primeira Nacional A e co desexo de velo pronto na División de Prata

27 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Corría 1989 cando un grupo de clientes do Enredo botou man da súa amizade co dono do local para conseguir que lles axudase a poder seguir xogando ó fútbol sala. A Sociedade Deportiva Gran Vía daba paso así ó Enredo A Estrada F.S. e, con el, á lonxeva presidencia de José Sesar, Pepito , á fronte do novo club. -Pois comezamos en Terceira Provincial e desde aquela vivimos cinco ascensos. Hai catorce anos practicamente levaba eu só o club. Tampouco facía falla moito máis, a penas poñer uns balóns. A xente ata levaba a equipación a lavar ás súas casas, e alí a tiñamos que buscar moitas veces os domingos para ir xogar, porque a noite anterior saíran. Ó comezo eran categorías moito menos serias. En Primeira Nacional B as cousas xa eran diferentes. Nesa categoría formei a primeira directiva un pouco seria. -En todo este tempo, ¿cal foi o momento máis doce do seu mandato? -O ascenso á Primeira Nacional A. A nós quedábanos moi lonxe. Hai catro ou cinco anos nin se falaba dela coma unha posibilidade. Nin a nivel deportivo nin a nivel económico. -¿E a cruz da moeda? -Cando estivemos a piques de descender da Primeira Nacional A. Sentía tristura por ter que gañar na derradeira xornada un partido a priori tan doado. Eramos superiores pero tiñamos que demostralo, porque do contrario perdiamos a catetoría. -Será duro ter que deixar a súa «criatura» cando chega á flor da vida. ¿Por que se marcha agora? -Un pouquiño, polo cansancio de tantos anos. E por outro lado, porque me gustou que aparecese unha empresa con ganas de traballar polo clube, con xente nova e que trae consigo moitas posibilidades de crecemento. Trátase dunha firma grande. Isto é o que máis valorei á hora de tomar a decisión de irme. Paréceme que a entrada de Galisec na directiva é o mellor que lle podía pasar á entidade. O seu obxectivo é facer un equipo competitivo para permanecer arriba, sen renunciar ó ascenso. Esa era tamén a nosa idea a comezos da última tempada, pero un cúmulo de despropósitos tralo Nadal, con tantas lesións, torceu as cousas. Agora prefiro seguir o equipo desde a grada, con máis tranquilidade. -¿Cre que o pobo da Estrada respalda ó Enredo? -Estamos moi contentos co apoio da xente da Estrada nestas últimas tres tempadas. Temos comprobado que na nosa categoría non hai ningún pavillón que meta a tanta xente coma o noso, cunhas 200 ou 300 persoas por partido. É certo que poderíamos ter un número algo maior de socios, pero neste caso o noso problema é que hai pouca xente que teña tempo para ir facendo novos carnés porta a porta pola localidade. -Cada vez vense menos xogadores da casa coa camiseta azulona. -Para min ninguén é de fóra. Os que veñen de fóra da Estrada soen ser persoas coma a copa dun pino, que coa súa actitude dan exemplo ós demais. E ós xogadores locais nunca se lles pechan as portas. Ademais, algúns dos rapaces da Estrada cos que falamos para que veñan ó equipo dinche ó principio que si, que contemos con eles, pero logo prefiren irse a xogar ó fútbol. Teñen as súas reticencias. E cando traes a alguén de fóra traes a un futbolista contrastado. -Vostede deixou o primeiro plano do club, pero a cambio sempre será a súa cabeceira coma presidente de honra. -Para min é un orgullo que os socios me nomearan presidente honorífico. Encántame que recoñecesen o meu traballo e traxectoria no equipo. -¿Onde ve ó Galisec Fútbol Sala? -Eu sei que é moito para unha localidade do tamaño da Estrada, pero a min gustaríame ter o equipo na División de Prata. Penso que co apoio de Galisec é posible. Quizais no seu momento habería que buscar a axuda de algunha outra empresa. Isto depende todo do diñeiro.