A escadra dezá tirou pola borda unha renda de nove goles ó perder de 22 en Pontevedra (32-11) O plantel roxinegro terá que conformarse con loitar esta fin de semana polo terceiro posto co Novás
09 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O equipo cadete masculino do Club Balonmano Lalín resultou se-lo pasado fin de semana o seu peor enimigo na loita polo acceso á final do sector sur. Logo de gañarlle con claridade ó Cisne 26-17 no partido de ida, celebrado o sábado na capital dezá, os rapaces de Félix Mojón ofreceron a peor das caras posibles ó día seguinte na súa visita a Pontevedra, saldada cunha humillante derrota por 22 tantos de diferencia: 32-11. O adestrador da escadra roxinegra describíu a traumática experiencia coma «un suplicio, tanto para os que estaban na pista coma para os que estabamos no banquiño». ¿Que pasou? Non o sabe. «Non sei se había cansancio físico do encontro anterior. Xa no quecemento vin os xogadores agarrotados e sen tensión».O Cisne arrincou a volta da semifinal cun parcial de 5-1 nos cinco primeiros minutos do choque, ampliando a súa ventaxa ata os oito tantos no descanso (17-9). A defensa lalinense era un auténtico coladeiro, e só funcionaba, aínda que tampouco ás mil marabillas, o ataque.Por se fose pouco o que padecía o Portadeza pola súa propia incapacidade na cancha, os árbitros non quixeron deixar pasa-la oportunidade de poñe-lo seu gran de area na debacle visitante. A lo menos así o comenta un Félix Mojón pouco coñecido polas súas críticas ós colexiados. A participación arbitral Neste senso, o preparador do conxunto dezao di que «a arbitraxe foi a peor que tivemos en toda a tempada. Un dos colexiados ameazou ó noso porteiro con expulsalo, supostamente por perder tempo cada vez que recibía un gol. O cal non ten sentido, porque de facer iso poderíase limitar con advertir pasivo. Alberto, o meu gardameta, contoume que o árbitro lle dixera que fixéramos o que fixéramos iamos caer eliminados. Eu vin a tarxeta amarela no minuto 10 por protestar, e a Edu expulsáronno, iso si, merecidamente, por insultar ó colexiado xusto antes do descanso». Con catro homes sobre a cancha no primeiro treito da reanudación, o Portadeza recibíu un parcial de 5-0 en contra e tirou a toalla. Mojón comezou a meter ós xogadores menos habituais, e a ventaxa do Cisne non fixo máis que medrar. Dous goles foi o único que puido opoñe-lo Portadeza nos 25 segundos minutos do choque.Aínda que non contaba con varios dos seus puntais, Porto, Luis Alberto e Iván, o equipo de Mojón xa xogara sen eles o partido do sábado, que gañara con comodidade, lamentando a única baixa a maiores de Roberto Álvarez, cunha fractura de tabique nun accidente caseiro.Agora, os cadetes teranse que conformar con loitar polo terceiro posto do sector sur contra o Novás. Un equipo considerado por Mojón como asequible logo de ve-la súa clara eliminación nas semifinais a mans do Teucro, terceiro do grupo no que o Portadeza rematara segundo da Liga regular.O adestrador quixo ve-lo lado bo da eliminación ó considerar que tanto o primeiro coma o terceiro postos darán acceso a un grupo asequible no sector galego, e «está claro que é máis doado gaña-lo cruce polo terceiro que polo primeiro».