Tal e como estaba previsto desde a semana pasada, o presidente da Federación Galega de Voleibol, Manuel Justo, e o concelleiro de Deportes de Lalín, Fernando Varela, se reuniron o martes co presidente do Club Voleibol Lalín, Daniel Bodaño, para estudia-la proposta deste último de celebra-lo vindeiro Campionato Autonómico Cadete Feminino da especialidade na capital dezana. Co visto bo da federación hai sete días, o único escollo a solventar no encontro era o si do Concello ó evento en forma de apoio económico e material. Neste senso, Fernando Varela apuntou onte que «o noso desexo é contar co campionato en Lalín. Aquí xa tivemos torneos de balonmán, de fútbol, de rugbi e mesmo de baloncesto, pero nunca de voleibol, e gustaríanos incluír a este deporte na nómina». O pabillón, clave Nembargante, o concelleiro lalinense aclarou que «a decisión dependerá da disponibilidade do pabillón de goma para os días 26 e 27 de abril, datas do autonómico. Dada a relevancia da cita é preciso pór a disposición do torneo un pabillón con parqué ou con goma. O problema é que o martes non sabiamos se o municipal está libre para eses días ou non. Os técnicos ían averigualo e despois nos poremos en contacto coa federación, porque de non estar dispoñible o pabillón quizais poderíase aprazar ou adiantar unha semana o campionato e celebralo igual aquí». O resto dos requisitos federativos, unha contribución económica duns 1.500 euros e a responsabilización da cartelería do evento, non son, di Varela, «ningún problema».