Sonan os primeiros acordes da Foliada de Lalín

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

ROMÁN GUTIÉRREZ

Actuarán, entre outros, Béla Fleck and The Flecktones, Panteón e Laio ¿A beira do polígono industrial Lalín 2000, na Carballeira das Casianas, comezará esta noite a sexta edición da Foliada que organiza a Asociación Xuvenil Berra de Lalín co patrocinio do Concello e a colaboración do Grupo Castromil. Tres días de actuacións en directo, ata o domingo, con grupos da talla e calidade de Béla Fleck e a súa excepcional banda, os Flecktones, Panteón Rococó, Laio, O Jarbanzo Negro ou Rodopis, o contador de contos Mauricio de Chile, Seisdedos, a acróbata aérea Fura e Espiral Teatro.

11 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O estadounidense arquipremiado e virtuoso do banjo Béla Fleck e a súa excepcional banda, os Flecktones, é unha das grandes actuacións que se poderán ver en directo na sexta edición da Foliada de Lalín que esta mesma noite comeza na Carballeira das Casianas en Lalín. Para esta primeira xornada de festa chegarán á vila os compoñentes de Laio que actuarán a partires das 22.30 horas. Posteriormente, subirán ó escenario Béla Fleck and the Flecktones, Rarefolk e Jarbanzo Negro. Como é habitual nestas últimas edicións, o sábado celebrarase un xantar popular ás 14 horas ó que lle seguirá un espectáculo de bailes do mundo e o contador de contos Mauricio de Chile, que mistura contos tradicionais coas marionetas e personaxes creados por el mesmo. O Club Calypso porá en escea a obra «El Chef, un banquete de humor» ó que lle seguirá a actuación da banda mestiza barcelonesa Che Sudaka e un concerto dos participantes do curso de frauta Luis Areán e un espectáculo de danza contemporánea. Xa pola noite, o cartel inclúe concertos dos grupos Liñaceira, Quempallou, Fura, Rodopis e Panteón Rococó, que sustitúe á formación francesa Kanjar'oc que, por cuestións de última hora, non poderá acudir á Foliada. A xornada do domingo abrirase ás 13 horas cun concerto da Banda de Lalín e un xantar popular que estará amenizado pola Murga Os Estalotes de Santiago e as representacións de La Pícara Locuela, Seisdedos e Espiral Teatro que escenificará a obra «Locos por la música», un espectáculo para tódolos públicos no cal se poderán descubrir xogos, cancións, adiviñas, refráns, contos e bailes, transmitidos de boca en boca como todo o que pertence ó folclore popular. Como tódolos anos, outro dos atractivos da Foliada é a disposición dun espacio habilitado para a acampada na propia Carballeira das Casianas para tódolos interesados. Arranca a sexta edición da Foliada, unha festa á que todos están convidados.