A cita ecuestre volta a Lalín

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A Feira do Cabalo, que será o 1 e 2 de xuño, contará con concursos morfolóxicos e carreira de burros

22 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A celebración dunha carreira de burros, tiro á corda e a exhibición da modalidade deportiva de burropolo son algunhas das novidades que se desenrolarán este ano na Feira do Cabalo de Lalín os días 1 e 2 de xuño. O programa de actos desta décimocuarta edición comezará o sábado pola mañán cos distintos concursos morfolóxicos. Posteriormente, celebrarase a proba oficial de andadura e unha carreira de burros que ata a data non se desenrolara. Esta carreira, explica o presidente da Asociación de Cabaleiros do Deza José Luis Vila, recuperase este ano na feira xa que en Lalín era tradicional facer eventos destas características. O clube leonés Amigos del Caballo ofrecerán un espectáculo ecuestre o sábado pola noite e o domingo a partires das cinco do serán. Na primeira xornada feira haberá unha festa nocturna con cea e na que actuarán os dúos Pequeña Aldea e Diseño. O día 2 seguirán os concursos morfolóxicos pola mañán. Ás doce comezará a degustación gratuita de carne de potro e unha novedosa exhibición: a de burropolo, unha modalidade deportiva moi arraigada en México na que os participantes, subidos no burro, baten a pelota cunha escoba. Como tódolos anos non faltará o rodeo estilo Lalín e o sorteo dun potro de pura raza entre os asistentes. A Feira do Cabalo de Lalín podería contar este ano coa participación de cinco centos cabalos chegados dende Galicia, Madrid e Segovia, segundo Vila, que tomarán parte nos concursos ou serán expostos de cara a súa posible venda. Para a celebración do evento, a desenrolar no recinto do mercado de gandos, o colectivo de Cabaleiros do Deza conta coa colaboración do Concello de Lalín e a Deputación.