Deza e Tabeirós forxan literatos

REDACCIÓN LALÍN/A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Lalín acolle hoxe a entrega dos premios de relato Varela Buxán e A Estrada os de poesía Avelina Valladares Deza e Tabeirós-Montes renden homenaxe as letras galegas e a Frei Sarmiento cunha morea de actividades que ano a ano ganan en orixinalidade. Os vencellos familiare do homenaxeado coas terras de Cerdedo -a súa casa paterna, o pazo de Raposeiras, está situado na parroquia de Meilide, no Concello de Montes- fai que este 17 de maio teña significancia engadidas. Actos oficiais, entrega de premios literatios, concursos, obras teatrais e ata a construcción de aparellos antigos son algúns das actividades programadas durante estes días por concellos, centros educativos e asociacións.

15 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Os escolares están sendo os principais protagonistas dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas nas comarcas de Deza e Tabeirós. En Lalín, os gañadores da sétima edición do premio de relato curto Varela Buxán recibirán os agasallos da man do conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, que hoxe visita Lalín. Os alumnos do instituto Aller demostraron o seu bo quefacer literario e acapararon oito dos doce premios outorgados polo xurado. Débora Pichel e Beatriz Ferradás, do IES Laxeiro, Raquel López, do Aller, Cristina Iglesias e Nerea Brey, recibirán os galardóns na categoría de 12 a 14 anos, mentres que a María Pilar Vence, Ana María González, Naomi Fernández, Graciela Pérez, Laura Cerdeira e María Xosé Ledo, do IES Aller xunto con Iago Mouriño, do Laxeiro, entregaránselle os premios correspondentes a sección de 15 a 18 anos. Tamén se presentará o libro que recolle os relatos gañadores da pasada edición do premio. En A Estrada, o Recreo Cultural acollerá hoxe, ás 21.30 horas, o acto de entrega do premio correspondente á sexta edición do certame de poesía Avelina Valladares. O premio, dotado con 1.503 euros, recaeu desta vez na escritora arousana María Goretti Fariña Caamaño polo poemario Dos eidos desvividos, presentado ó concurso baixo o lema Abdiela. Goretti Fariña é licenciada en Bioloxía e doctorada en Enxeñería de Minas. Actualmente compaxina o seu traballo como profesora de Ciencias no colexio Sagrada Familia de Vilagarcía coa realización de guións. No plano literario, ten xa publicadas seis obras en prosa e poesía e é gañadora de varios premios. O premio de poesía Avelina Valladares será entregado hoxe nun acto no que a poetisa estradense Antía Otero presentará o número dous da folla poética Augasverso. A presentación culminará cun recital poético dos integrantes do colectivo Augasverso e doutros poetas.