7 ANOS, 7 CHANOS

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

16 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O vindeiro xoves cumpriranse sete anos desde que Chano Piñeiro nos deixara. Chano non foi un Chano só, senón que foi sete Chanos. En primeiro lugar, foi neno en Forcarei, e iso imprime carácter. De feito, era algo do que sempre se mostrou, por dicilo dalgún xeito, agradecido, el que tamén diría despois «eu son un aldeán, para ben ou para mal», e Forcarei non pasaba de ser, no ano 1954, unha vila con aires de aldea e arrodeado, iso aínda hoxe, de aldeas. Non se lle borraron as impresións da nenez en Forcarei na súa vida, e delas tirou escenas e nomes propios que logo se farían esenciais na súa filmografía. En segundo lugar foi home polo mundo adiante: en Vigo, en Ponte Caldelas, en Baíste, en Bilbao, en Australia e en todos aqueles lugares a onde foi exhibir o seu arte, poético na imaxe e antropolóxico no seu contido. En terceiro lugar, foi boticario e fillo e neto de boticarios, e tivo entre os seus colegas unha ben gañada fama de bo amigo, como demostra o feito de que na homenaxe e apertura da Rúa Chano Piñeiro en Vigo, á que tiven a honra de asistir, alí se deran cita en grande número boticarios de toda a provincia que non esqueceran ó seu entrañable colega artista. En cuarto lugar, foi cinéfilo, é dicir, home de cine pasivo, e mais cineasta, ou sexa, home de cine activo. Se se dedicou en corpo e alma a pregoar coa súa obra e o seu exemplo que o cinema era unha fermosa (e útil) bandeira foi porque tamén foi para el unha paixón, un amor desde a xuventude. En quinto lugar, foi tamén un escritor afeccionado, pero con tal dedicación que se superaba a cada escrito. As súas conversas co vento dannos a medida dun escritor galego ata o miolo (é curioso, en galego o miolo define á cabeza e tamén á entraña, á medula), coa súa fina retranca sempre tutelando o fío argumental e co seu amor de pai para os personaxes que ía tirando do valume do seu maxín, nutrido das vivencias infantís. En sexto lugar, foi tecedor de soños; os soños que nacen da herba de Trasdomonte, país só a medias imaxinario que el foi creando a partir da recreación das adoradas terras de pan da súa nenez. Un país, como digo, medio real e medio virtual que se artella en torno ó seu corazón e ós seus anceios de atopa-la verdade da Galicia rural, da paisaxe na que viven e morren as xentiñas coma Paco Farria, Xonxa, Caladiño, don Xosé Luis e don Camilo. E en séptimo lugar -coma o séptimo arte, que foi o que el considerou arte total, porque compendia a tódalas demais- foi e seguirá a ser un símbolo. Un símbolo no que nos reflectimos todos aqueles que sentimos coma Chano a vida tamén reflectida na pantalla grande. Pero non a vida creada, senón a vida de verdade recreada e latexante nas imaxes. Chano, os sete Chanos, fóronnos descubrindo a nós mesmos o que somos, e tamén descubrindo os nosos valores a outras xentes que, gracias ás súas imaxes, coñecen mellor á Galicia que amaba profundamente Chano Piñeiro; á Galicia das aldeas; á que, en definitiva, el consideraba depositaria da nosa milenaria cultura, da que tamén agora el forma unha parte importantísima, vital.