Santeles volveu a tomar A Estrada

M. M. A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Os «exércitos» subiron de novo á vila despois dunha década de ausencia O 2002 non quedará esquecido nos arquivos do Entroido do Ulla. Será o ano no que os «exércitos» de Santeles volveron a subir á A Estrada para tomar a vila. Unha década levaban sen aparecer polas rúas da capital tabeirense. O seu regreso foi emblemático, solemne e tan maxestuoso como é en xeral todo o Entroido do Ulla. Tras invadir a vila, volveron ós cuarteis de inverno. Pero voltarán.

13 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A festa está en Santeles. Alí é onde comparsa e xenerais se soltan para abrazar o Entroido en todo o seu esplendor. A cita serve como toma de contacto antes da subida á A Estrada. E, quizais, un Carnaval máis desenfadado, máis participativo. Dous días despoís, ten lugar a entrada nas rúas da vila e nese momento os exércitos amosan a súa cara máis solemne. Entre os de Santeles hai propios e opositores. Eles o fan todo: dan os vivas a cambio do pertinente donativo, a comparsa pon as voces e a música e os xinetes -en realidade do mesmo bando- se encaran na praza da Farola. O ano que ven, a cousa pode ser ben distinta. O Concello da Estrada quere que para o vindeiro Entroido, os exércitos de Santeles e os de Vea se vexan as caras na vila. Así, os encontros serán máis espectaculares e conterán esa dose de enfrentamento simulado tan necesaria nesta festa. A rivalidade estará servida.