XAN DA RIBEIRA

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Se un lle fala hoxe a unha persoa xove de Xan da Ribeira, ó igual ca de Pedro Chosco, que tamén vai perdendo vixencia en favor doutros personaxes e monifates importados da cultura anglosaxona, seguro que non saberá de quen se lle fala. Xan da Ribeira non era nin sequera un personaxe de ficción. Era, paupérrima existencia, un eufemismo. Cando alguén se emborrachaba, tomaba unha pinga demais, collía unha faxurdeira ou agarraba unha chea -que todo é o mesmo- e se poñía a facer cousas propias dun bébedo, dicíase que non era él, senón Xan da Ribeira -se investigasemos concienzudamente, case de seguro que manou dun orixinal Xan do Ribeiro, que soa máis conforme e alude máis á verdadeira causa, que é o viño ou derivados espirituosos-. O camiño «vreeiro» Así, dos arrieiros que cruzaban a Terra de Montes polo camiño vreeiro, aquel camiño segundeiro creado por eles mesmos para evita-las portaxes das rutas principais, dicíase moitas veces que non viñan sós, que traín con eles a Xan da Ribeira, nunha simbiose perfecta entre o profesional e o gozante da propia mercadoría. Xa o dicía tamén a copla: «A vida dos arrieiros/ non hai vida coma ela/ a semana no carreto/ e o domingo na taberna». Ó parecer, cando os arrieiros portaban coas reatas de bestas o viño que ía desde o Ribeiro de Avia a Compostela, armaban boas foliadas nun lugar da Almuzara, onde escanciaban do propio xénero, e onde trouleaban ata altas horas da mañá, acompañados sempre do pertinaz inimigo da seca Xan da Ribeira. Ledicia artificial As mostras de ledicia artificial alcanzaban, disque, ata fogaxes tan extremas que algún carreteiro mesmo chegou a bailar descalzo enriba dos toxos. Poida que fora o viño, pero tamén, supoño eu, que iría moitas veces acompasado con algún fervor amoroso, con algún lance sensual. Seguramente que, pletórico de ánimo o danzarín, había querer impresionar a algunha mozota, porque tamén esas lides e causas son esbozadas noutra copla do camiño: «Arrieiros son os homes/ arrieiros os homes son,/ levan amor feiticeiro/ cravado no corazón». Operación Triunfo E a pesar de que hai unha sentencia clásica que nos di que só nos preliminares son compatibles Baco e Afrodita, moi probablemente se consumaran moitos amores nesas foliadas da Almuzara, e noutras similares das que non temos noticia pero que de seguro existirían por onde queira que se estendese o camiño vreeiro. Eran tempos nos que a única Operación Triunfo posible era a protagonizada polos mesmos activos participantes, xuíces e partes, que sempre se amañaban para suplir a falla de emocións pasivas que hoxe abundan -sobreabundan- nesa caixa infernal que a máis de dez millóns tódolos días tenos atrapados coma se fosen criaturas sen criterio nen discernimento. Agora ata os temos que aguantar nos telexornais da primeira, manda carallo. Odio á televisión con carraxe e indignación. Amo, con moderación por aquelo do tráfico, a Xan da Ribeira. Está claro que, no que respecta ó divertimento, ¡Que tempazos aqueles de antes, que tempiños estes de hoxe! FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» é licenciado en Historia Contemporánea Correo electrónico: cotaredo@terra.es