PRODER TERRA DE MONTES

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

13 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estamos agora co remate do que foi o Programa de Desenvolvemento e Diversificación Económica de Zonas Rurais na Terra de Montes, célula matriz do que, se as cousas van ben, será o Leader Plus Montes, amplificado territorialmente desde a base dos concellos de Forcarei, Cerdedo e Beariz a concellos limítrofes coma A Estrada, Campo Lameiro, Cotobade e A Lama, co que a superficie territorial do novo programa suporá aproximadamente o 20 por cento da provincia de Pontevedra. E hora de ir facendo balance e avaliación do que supuxo para a nosa comarca o Proder Terra de Montes, que se centrou, coma alternativa ó sector primario, no Turismo Rural. Contribuiu (sempre desde a perspectiva de experiencias piloto que manifestasen o seu carácter de exemplaridade, é dicir, que estimulasen a creación de novos proxectos) á implantación de cinco novos establecementos de Turismo Rural, co que a oferta pasou dos tres existentes a oito, sen contar a Hospedería de Aciveiro. As prazas de habitación no ámbito do turismo rural ofertadas pasan de 20 a 75, máis do triple, co cal se vai ampliando de xeito significativo a oferta e recuperando vellas casas que estaban destinadas a se converteren en ruínas. Creáronse 18 novos postos de traballo; un punto de exposición e venda de productos gastronómicos; dous centros de rutas a cabalo, dos cales un xa vén funcionando desde hai un ano; rehabilitouse unha cerería tradicional do século XVIII; fíxose a sinalización turística de dous concellos: Cerdedo e Beariz; un albergue para a escola municipal de Parapente de Cerdedo; unha área recreativa fluvial en Forcarei; editouse unha guía turística da Terra de Montes e un documental sobre a riqueza natural e histórico-artística da comarca elaborado polo naturalista Federico de la Peña. Todo esto foi posible gracias á converxencia de fondos de distintas procedencias, desde os fondos europeos, pasando polas distintas administracións nacionais: central, autonómica e local, ata chegar ós fondos propios dos promotores de cada un dos proxectos e investimentos. Satisfacción Foi o que deron de sí os aproximadamente 336 millóns (ó final fallaron tres promotores con tres proxectos por valor de 64 millóns) que supuxeron o Proder Terra de Montes, conformados como digo por aportacións públicas e particulares. Se temos en conta que a prospección e detección de proxectos e accións había que levalas a cabo en cinco anos e se fixeron en dous, por un retraso no comenzo do programa non imputable ós grupos de acción local, doume por satisfeito, como xerente do equipo de xestión, sen esquecer que acabamos de empezar, e que nin moito menos estamos no nivel de, por poñer unha comparanza, o concello ourensán de Allariz, onde levan moitos anos traballando e concentrándose no núcleo cabeceira do municipio, polo que se ve moito máis o seu labor ca nunha zona con moito diseminado e dun total de 300 quilómetros cadrados, case catro veces a extensión de Allariz, pero todo se andará.