BUZÓN DO LECTOR
17 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Para Augas de Galicia a resposta é ben sinxela: para producir electricidade. Así entenden os ríos (como corrente de auga por turbinar) e así se esforzan por demostralo. Co Plano Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidroeléctricas de Galicia a Xunta dá un paso máis na campaña de saldo dos ríos do país. Ate hai pouco as tropelías cometidas cos ríos, aínda que beneficiando sempre ós mesmos, eran asistemáticas e ate chapuceiras, como o encoro da Umia. Así, concedían un encoriño aquí, un salto alá, unha eco-macro-minicentral noutro lado... esto non podía seguir así; a Xunta tiña que tomar medidas. E así foi, logo dun período de xestación (non sabemos cando) houbo parto de medidas: o Plano Hidrolóxico Galicia Costa e, o Plano Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia. Son cousas diferentes pero que darán o mesmo resultado: encher os ríos galegos de encoros. En definitiva, organizar a tropelía. O debate aquí é innecesario. Estas cousas en Galicia fanse e punto. O colmo é que a nivel Galicia hai máis atención mediática e debate sobre o famoso Plano Hidrolóxico Nacional co polémico trasvase do Ebro, que sobre un plano, o PHGC, que nos afecta directamente. Un Plano que entre outras cousas, xustifica grandes encoros para regulación de caudais, pero só presuposta o un por cento do investimento total na recuperación do dominio público hidraúlico. Expropiación dos ríos E agora o Plano Sectorial Hidroeléctrico. Nel indícalle as eléctricas os tramos dos ríos para solicitar os encoros, dándolles a seguridade que nin veciños, nin concellos (por se tiñan intención), poidan dicir nin pío. Total, que desde Augas de Galicia en Santiago de Compostela xa se resolve todo nun plis plas. Queda ben claro quen manda nos ríos e nos seus contornos. Este proxecto é unha expropiación dos ríos; un abuso de poder, pola servidume que establece dun kilómetro a ambas marxes do río, hipotecando os dereitos dos propietarios dos terreos afectados; e é un proxecto usurpador de competencias dos Concellos. Supón o nacemento dunha nova xurisdicción territorial, un couto de Augas de Galicia, que se estende por máis da metade dos concellos de Galicia, sen nengún tipo de limitación: nen Rede Natura, nin espacios protexidos, nin planeamento municipal. Todo para mover a conta de resultados das eléctricas porque así entende Aguas de Galicia a valorizacións dos nosos ríos (agora xa seus). A desvalorización ocasionada polas súas tropelías, eso non conta. Xoán Santaló. Membro da Coordenadora Galega en Defensa dos Ríos (Cogader).