A iniciativa enmárcase dentro do programa de actividades do ano dedicado ó poeta e prosista estradense O colexio de Codeseda está a piques de ser bautizado co nome de Xosé Manuel Cabada Vázquez, o máis afamado poeta e prosista que deu de sí a parroquia estradense. A iniciativa, que se enmarca dentro do programa de actividades coas que o Concello celebrará no 2001 o ano dedicado a Cabada Vázquez, vén acompañada doutras non menos afortunadas, como a publicación da obra completa do escritor. Ademais, haberá conferencias e mesas redondas para lembra-la figura do ilustre estradense.
27 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.REDACCIÓN A ESTRADA A corporación estradense aprobará no pleno que se celebrará o sábado a declaración do próximo ano 2001 como ano dedicado a potencia-la figura do escritor estradense Xosé Manuel Cabada Vázquez. O programa de actividades xa está a medio perfilar. Entre as accións coas que o Concello recordará ó xenial poeta e prosista destaca o bautizo do CEIP de Codeseda co nome do escritor. O nome do artista quedará inmortalizado tamén nunha rúa da vila e farase visible a todo o mundo coa colocación dun novo monolito na Rúa da Cultura cara finais do ano que vén. Ademais, a conmemoración do ano dedicado a Cabada Vázquez contará cun bo número de actividades e xuntanzas de carácter cultural que aínda están sen acabar de definir. Entre estas destaca a presentación o próximo día 14 de xaneiro do ano dedicado a Cabada Vázquez en Codeseda, a parroquia natal do escritor. O día 9 de febreiro celebrarase a primeira das conferencias sobre o artista. Nela participarán, entre outros, o profesor Xesús Alonso Montero, especialista na figura de Cabada Vázquez, o escritor estradense David Otero e o sobriño do homenaxeado, Xosé Manuel Cabada Castro. As actividades proseguirán o día 16 de maio, cunha mesa redonda sobre a vida e a obra do escritor estradense. Ademais, o Concello editará a obra completa do artista, prologada por Xosé Manuel Cabada Castro. Xosé Manuel Cabada Vázquez, nado en Codeseda no 1901, é autor do poemario Vagalumes. No tocante á prosa, asinou pequenos traballos entre os que destacan Na tumba de Murguía, Na fala gallega, O meigallo, Lonxe dela, Os banqueiros do demo, Te lembro ou O botafumeiro.