Xosé Cuiña Crespo, conselleiro de Política Territorial Onda Cero Galicia e La Voz de Galicia iniciaron onte un programa especial que, baixo o título «Deza 2001», ten como obxectivo facer memoria sobre os fitos e o desenrolo acadados nos últimos 25 anos na comarca. O conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña Crespo, foi o encargado de abrir o espacio cunha entrevista na que lembrou que él aportou «un grao de area» no cambio cara o progreso vivido na zona.
12 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.A carreira política de Xosé Cuiña Crespo escomeza no ano 1973, cando aínda no réxime de Franco é elexido concelleiro en Lalín. Unha decisión que fixo chirriar as oxidadas engranaxes franquistas «xa que eu entrei no sistema pero contra o sistema», recorda o conselleiro de Política Territorial. En 1979 foi elexido alcalde, en 1983 foi deputado provincial e en 1987 pasou á presidir a Deputación de Pontevedra, cargo que deixou en 1990, como o de rexedor de Lalín, para pasar a ser conselleiro de Política Territorial na Xunta. -Cada vez que ven vostede a Lalín ¿qué pasa pola súa cabeza cando fai memoria deste último cuarto de siglo? -Lalín e a comarca do Deza, mesmo Galicia enteira sobre todo nos últimos dez anos, tivo un cambio importante en moitos eidos. Afortunadamente. ¿Qué pasa pola miña cabeza cando veño a Lalín? En primeiro lugar, lembrar que miña residencia está en Lalín. -Na parroquia de Prado, concretamente. -Si. Estou moito menos tempo do que quixera porque aquí teño moitos amigos e dende logo unha cousa si teño decidida, a miña xubilación, se e que Deus me dá vida para chegar a ela, será en Lalín sen dúbida. Quero dicir que me preocupei tanto por Lalín como, polo menos, polos meus intereses lexítimos de tipo particular. Polo menos tanto e en moitos momentos moito máis. Eso si que ninguén mo pode negar. -Mirando cara atrás ¿pode que sexa o proxecto do polígono empresarial Lalín 2000 o que marcou ese despegue económico? -Lalín 2000 é un expoñente e a parte, en certo modo, final. Aínda que todo sigue sendo incipiente de cara o futuro. E dicir, Lalín ten moito máis que medrar desde o punto de vista empresarial, socio-económico. Aínda que temos unhas cifras macroeconómicas, dentro do que é a microeconomía deste concello situadas en coordenadas perfectamente homologables á media de Galicia. Eu creo que o parque empresarial si foi moi importante, pero é o reflexo do que significou a transición dunha sociedade básicamente agropecuaria a unha economía que xa ten moito que ver co sector industrial, empresarial e de servicios. ¿Cal foi o noso acerto? Pois creo que en primeiro lugar foi entender que, por distintas circunstancias, sobre todo de tipo supramunicipal, había un esquecemento do medio rural. -Sobre todo no que a estradas se refire. -En infraestructuras, en servicios, eu diría que incluso ata en falla de iniciativa e de ánimo e entusiasmo dos labregos e os gandeiros. Producironse dúas cousas ó mesmo tempo. Por unha banda dende o Concello e as institucións que colaboraban co Concello melloramos as infraestructuras, como a electrificación rural. En 1979 había sitios onde non había luz eléctrica. -¿Por exemplo? -Estoulle falando da parroquia de Maceira, no lugar de Pardesoa. Lémbrome perfectamente, hai 22 anos. Non había potencia eléctrica para poder instalar non xa un centro de frío, senón unha ordeñadora. ¿Que significou? Que o nós incorporar infraestructuras, facer unha rede, unha malla interna importante, animou os gandeiros a producir moito máis porque tiñan condicións para podelo facer. Ó tempo que se potenciou o sector gandeiro, a iniciativa empresarial de Lalín despegou e Lalín debelle hoxe moitísimo a sectores como o da confección, ou o da construcción. Así o exceso que estabase producindo de ocupación laboral no sector primario, que non o facía viable, ó ter na vila estas empresas permiteu un despegue económico e consecuentemente social. Non se pode pensar que un señor poida vivir con catro vacas. Nese cambio que se produciu eu, modestamente, aportei un grao de area.