ÓSCAR ALFEIRÁN LA ENTREVISTA Martiño Nercellas, presidente da asociación ecoloxista Sobreira de Lalín Sobreira é a asociación ecoloxista máis importante das que hai no Deza. O seu presidente, Martiño Nercellas, leva xa moitos anos na defensa da natureza dunha comarca que conta con numerosas zonas de interese e cunha cantidade de especies animais e vexetais que a fan salientar en Galicia e mesmo na Península Ibérica. Nos últimos anos, as preocupacións de Nercellas céntranse nos proxectos de construcción de múltiples parques eólicos e encoros.
12 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Como biólogo, Martiño Nercellas é un gran coñecedor da natureza, especialmente da do Deza, onde ten participado en estudios sobre o lobo, as aves rapaces e outras especies non tan simbólicas pero igualmente interesantes e, na meirande parte dos casos, en grave perigo de desaparición. _Vostedes denunciaron que Medio Ambiente ten paralizadas as obras do parque eólico Coco-Masgalán, no Candán. _É certo, xa que non conta co estudio de impacto ambiental. E é un insulto. Eu creo que fano descaradamente pensando que adiantan traballo. Bota un pouco por terra as teorías das empresas eléctricas que din que fan os parques eólicos para conservar a natureza. _¿Para facer unha obra deste tipo é obrigatorio contar ca declaración de impacto ambiental? _Si. Hoxendía é necesario que Medio Ambiente emita estes informes antes de facer as obras. Nestes informes débese recoller se o espacio no que se quere construir reúne as características necesarias para conservalo, en función dunhas directrices que marca a Unión Europea ou se, por contra, non reúne estas características. No caso do Candán, cumpre de sobra e cunha nota sobresaínte en canto os valores naturais que ten. _Logo, ¿como interpretades que as obras escomezaran en Coco-Masgalán? _Porque é un comportamento habitual nestas empresas. Pero a Xunta concedeulles ata o de agora todos os proxectos que presentaron, incluso en zonas de moito máis valor ambiental que O Candán coma é a Serra do Xistral. Se aí non tiveron problemas, aquí aínda menos. Ademais están acostumbrados a que non se denuncien estas situacións. _¿Qué efectos tiveron os traballos feitos? _Pois unha desfeita ben grande. E iso que trátase dun espacio protexido dende o ano pasado. Houbo intervencións sobre case unha hectárea de terreo, movementos de terra, apertura de máis de un kilómetro de pista. Ademais, aí hai maquinaria para facer unha boa desfeita.