AMELIA FERREIROA XENTE NOSA José Fernández Viéitez, alcalde do Concello de Silleda A expedición silledense que se atopa en Bos Aires ata o vindeiro luns desenrolou onte, a pesares da choiva, unha viaxe en catamarán polo río Paraná. A comitiva, encabezada polo alcalde de Silleda, participou onte nunha cea no Centro de A Estrada e a banda de música ofreceu alí un concerto. Quedan aínda moitas reunións cos emigrantes.
01 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.A celebración dunha romaría no campo de San Isidro en Bos Aires foi un dos actos máis emotivos no que tomou parte, ata o momento, a expedición silledense. _¿Que se acadou con esta comida de confraternidade en San Isidro? _Revivir e revitalizar a colectividade de Silleda en Bos Aires que estaba un pouco perdida. Conseguimos que a partires de agora exista unha conexión máis forte entre eles e entre nós. Mantivemos aberta unha oficiña na que tomamos nota de tódalas direccións dos silledenses para remitirlles informacións de todo tipo sobre o noso municipio. _¿Cal é a realidade da colectividade silledense en Arxentina? _Na súa maioría todos están ben aínda que nestes momentos a situación económica do país non é das mellores. Indudablemente que temos xente necesitada e unha das nosas accións é precisamente saber se podemos facer algo en concreto por algunha persoa. É difícil porque moitas veces esas persoas son as que non queren saír á luz. _Estiveron vostedes en Mar de Plata... _Aproveitei para reunirme co presidente do Centro Galego de Mar de Plata e soliciteille unha relación dos silledenses que foron e son socios agora mesmo de dito centro. É un dato que ata o momento aínda non teño pero que me fará chegar a secretaría do centro. Por outra banda, deixei información sobre o noso municipio e haberá dende agora unha relación permanente e fluida de información entre Silleda e este Centro Galego.