«Somos de canastóns, o que máis nos custa é xogar sinxelo»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

Oscar Vazquez

A pivote confía en que o equipo mellore en ataque nesta segunda volta

06 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

déborah rodríguez xogadora do celta selmark

Déborah Rodríguez, aos seus 25 anos, é a xogadora máis veterana do Celta Selmark. A pivote, que en Badajoz sumou 10 puntos á vitoria celeste, comparte equipo con compañeiras ás que adestrou en categorías inferiores, nunha tempada na que a ilusión manda nun vestiario no que desfrutar do baloncesto e seguir madurando como xogadoras é obrigatorio.

-Levaban unha xeira de tres derrotas que cortaron en Badajoz. ¿Necesitábana?

-Si. Cadrounos que no final da primeira volta nos enfrontamos cos tres equipos que encabezan a clasificación. Ao comezo da tempada todo ía ben, gañando e perdendo partidos, e ao final, cando estabamos cuartas, chegaron as tres derrotas seguidas, pero xa as deixamos atrás.

-Un dos lastres que está a ter o equipo son os partidos como visitante. ¿Que lles sucede?

-Non sei, é un tema que traballamos moito. Na casa xa coñeces o campo e tes o apoio do público. Despois está o feito de que as viaxes cansan, pero non deixan de ser escusas. Temos que seguir insistindo.

-Badajoz deu o pistoletazo de saída á segunda volta. ¿Un inicio prometedor?

-A verdade é que está ben empezar con bo pé, fai que te motives máis para seguir nese nivel. Veremos esta fin de semana se se nos dá ben o Pabellón Ourense.

-¿Cales son as materias pendentes para esta segunda volta?

-Non baixar en defensa, e en ataque creo que temos que aprender a mover máis o balón, non centrarnos só en ataques que ás veces son un pouco espectaculares. Xa nos din os adestradores que somos un pouco de canastóns, e non podemos vivir de canastóns todos os ataques. Temos que facer as cousas máis sinxelas. O que máis nos custa é xogar sinxelo, parece mentira.

-Xa se viron as caras con todos os rivais da Liga. ¿Que se pode agardar deste Celta?

-Pois, como dixen sempre, non temos un obxectivo inicial de estar entre un posto ou outro, senón que a proposta é pasalo ben, facelo ben e desfrutar do deporte. Creo que o estamos facendo ben, tivemos algunha caída, pero espero que nesta segunda volta manteñamos o que fixemos na primeira e melloremos en ataque, porque en ocasións estamos bloqueadas. Penso que o podemos facer mellor que na primeira metade, temos moita marxe de mellora.