Licenciado pola Universidade da Coruña en Educación Física, Víctor Santos Vidal (Torelo-Vimianzo, 1973) leva case toda a súa vida profesional fomentando o deporte. Comezou no Concello de Laxe en 1997, pero dous anos despois trasladouse a Vimianzo onde na actualidade exerce de técnico municipal.
-Duatlón, BTT, carreiras populares, fútbol, fútbol sala, probas ciclistas na rúa. ¿Queda algo máis por promocionar en Vimianzo?
-Quedan cousas, pero melloramos co paso do tempo. A nosa filosofía sempre foi e será facer do deporte algo social, que todo o mundo participe. Que non sexa só algo para os federados. Ao final isto é cousa de todos.
-Os éxitos de participación nas diferentes disciplinas parecen darlles a razón.
-É un orgullo ver a familias enteiras e xente de todas as idades participando nunha proba de BTT. Ademais da promoción do deporte inculcamos a promoción do Concello dende o punto de vista patrimonial e cultural. E non, non é doado conseguir 110 duatletas, 300 participantes na carreira popular ou 150 ciclistas na BTT.
-¿É como se consegue esa implicación?
-Con moito traballo e o apoio de moitas persoas. Sen os voluntarios non poderiamos facer moitas probas que se levan a cabo en Vimianzo. Facer o duatlón da pasada fin de semana supuxo a colaboración de 30 persoas, algúns eran traballadores municipais e o resto, moitos voluntarios que se prestan a axudar a cambio de nada. Con esa xente garantimos a total seguridade dos participantes da proba. Sen os voluntarios ou ben as medidas de seguridade serían máis limitadas ou non poderíamos facer a proba directamente.
-Ademais os orzamentos para a promoción do deporte xa non son os de antes.
-Vimianzo é un Concello pequeno. Sempre houbo certas limitacións orzamentarias á hora de promover o deporte e outras actividades. Nós conseguimos dalgunha forma compensar a faceta económica coa implicación da xente e dos clubs. Os cartos ao final só representan unha parte da organización dunha proba. En Vimianzo facemos moitas actividades lúdico-deportivas. O importante é botarlle imaxinación.
-Algunhas destas actividades consolídanse no tempo.
-No duatlón cumprimos a quinta edición, a carreira pedestre do 2014 será a terceira edición...
-¿Hai algo previsto a nivel comarcal?
-Si. Oito concellos da bisbarra, Vimianzo, Camariñas, Zas, Cee, Corcubión, Fisterra, Carnota e Muxía, ultimamos a creación dun circuíto de carreiras populares que chamamos Correndo pola Costa da Morte. Trátase dun calendario con oito probas no que o corredor pode participar nunha carreira concreta ou pode facer o circuíto e puntuar para a xeral. Esta actividade atópase aínda en fase de organización e quedan algúns flocos por concretar, pero a primeira carreira será en Camariñas en marzo. En vindeiras datas faremos a presentación do circuíto.
Víctor Santos Vidal técnico de deportes del Concello de Vimianzo