«Se algo me doe é que o equipo está no mellor momento»

La Voz

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

«Marcho coa cabeza tranquila, sabedor que o deixo (ao Estudiantil) sen risco de descender». Esas son as palabras de Estrella tras o adeus tras ano e medio, subir ao equipo e deixalo 14º na táboa. Engade que se vai «contento de estar e do traballo» que fixo e que o seu relevo «vaise encontrar un grupo excepcional e con calidade».

-¿Agardaba esta decisión?

-Cando un está nun equipo como este sempre podes esperaalo. Sabemos o que hai de toda a vida e tampouco vai ser agora diferente. A chamada foi que algo había que cambiar, aínda que non se me comunicou directamente a dimisión, pero eu vía que non había moita confianza. Entón, díxenlle que se o problema era eu, non tiña problema en marchar. Decidimos as dúas partes darlle final. Tampouco quero estar nun sitio no que non se valore o traballo nin tampouco vou estar a disgusto.

-¿Pesou o inicio con 3 vitorias?

-Con eses partidos tamén se creou máis expectativa da normal. Non digo que non haxa equipo para estar máis arriba. Se miras a táboa non estamos mal, empatados co que está de undécimo, que é metade da táboa e máis se cabe despois do calendario que pasamos. E ao empezar a tempada falouse de que o obxectivo era manterse. Se algo me doe, aínda que foi algo consensuado, é que o equipo está no mellor momento. Pasou ese primeiro tempo do inicio que é máis de adaptación á categoría. Pasamos unha época mala de lesións, superamos a rivais máis complicados, empatamos con Bergantiños e Viveiro, gañamos ao Mugardos. Perdemos na casa do Silva pero hai que ver as circunstancias. Por agora non perdemos ningún partido por máis dun gol. Agora ven un calendario máis asequible, contra cinco equipos que están por debaixo nosa e tamén contra o Dubra. Eran partidos máis asequibles, e de sete, cinco son na casa, onde só perdemos contra o Ribadeo. Igual non é o mellor momento por iso, porque o equipo tíñase que ver xogando contra eses equipos e despois valoralo. Ó mellor tamén é un bo momento para que chegue un adestrador novo, porque é mellor xogar contra eses equipos que chegar e enfrentarse ao Bergantiños ou o Viveiro.

-¿Foi o debut como agardaba?

-Somos un recén ascendido cun equipo decente pero que tamén ten que asentarse un pouco na categoría. Renovei co obxectivo da salvación. Penso que o equipo non tivo demasiada sorte e aínda así estamos nunha situación cómoda. Non sei se parece demasiado alarmante que te pillen os de abaixo cando estamos na situación na que estamos. Miro para abaixo e os postos de descenso están máis lonxe que o quinto posto. O equipo necesita unha primeira fase para asentarse na categoría nova. Agora penso que esa fase pasara despois dos dez primeiros partidos, viñéronlle catro partidos complicados en canto a rivais, creo que competiu perfectamente nos catro. O momento de valorar a liga do Estudiantil na categoría debería empezar agora cando quedan 25 partidos.

-¿Pensa que pode seguir na zona media da táboa o equipo?

-Seguro que vai estar da zona media hacia arriba porque hai un grupo excepcional de chavales, moi unido, bos xogadores, e creo que están traballando ben para quedar de metade de táboa para arriba. Se gaña ao Soneira, pode situarse octavo e iso é estar da metade para arriba. Os tres últimos teñen oito puntos, nós 16 e o quinto ten seis máis que nós. Non quero pensar en nada que non sexa iso. Marcho agradecido, sen problema. Se isto vale para que o equipo mellore, sen problema. Mentres estiven o equipo competiu perfectisamente, dou a cara, as derrotas foron sempre por un gol que vés que ningún equipo te manexa e é moi superior a ti. Tivemos a mala sorte de non estar moi acertados, pero no momento en que empecen a meter goles vai haber de sobra para gañar.

-Foi o que máis tempo logrou permanecer no banquillo nas últimas temporadas...

-Foron as cousas demasiado ben ata o de agora e non considero que agora estean demasiado mal. Ademais, a plantilla cría no que eu facía. É un grupo fantástico, estou orgullosísimo de estar con el.

José Antonio Fernández, Estrella ex adestrador estudiantil

«Marcho coa cabeza tranquila, sabedor que o deixo sen risco de descenso»