A incorporación a mediados de novembro do rianxeiro Fernando González, Nando, demostrouse determinante no cambio de rumbo do Arousa. Desde a chegada do dianteiro procedente do Vilalonga, o equipo vilagarcián só perdeu un partido. Nando suma xa media ducia de goles. O último, o terceiro na goleada do pasado domingo ao Arenteiro.
-Seis goles en 10 partidos coa camisola do Arousa. Vese que o club acertou con vostede cando buscaba ese home-gol que lle faltaba ao equipo...
-A ver. Tiven sorte. Xa no primeiro partido puiden marcar. E agás no partido que perdemos, contra o Choco, e tres que empatamos, non baixamos dos dous goles. Estamos bastante acertados todos. Metín seis, e podían ser máis. Tiven bastantes ocasións, e ás veces debera ter tirado antes. Obcécome demasiado.
-E vostede, por riba, non é un dianteiro centro puro...
-Non. Por iso mesmo. Estou a xogar de dianteiro centro bastante solitario. Hai partidos nos que me vexo descolgado. Cando Camiño ou Guimaraens se incorporan máis ao ataque, podo caer algo á banda, ou ir máis abaixo a recibir, e aí é cando máis dano fago. Con outro compañeiro ao meu carón. Con xogadores da calidade de Camiño, Guimaraens ou Hugo aprovéitome bastante.
-Desde fóra, semella que non lle custou moito adaptarse ao seu novo equipo...
-Non. Só coñecía a Rivas, pero a verdade é que desde o primeiro momento me sentín cómodo. Integrado completamente.
-O seu debú co Arousa coincidíu no tempo co inicio do salto cualitativo do equipo a nivel de resultados...
-Si. A percepción que teño desde dentro do Arousa é que se lle dá moita relevancia a todo o que se di do club. Houbo bastantes pinchazos na casa. Pero dentro do que cabe, pinchamos co Choco, e empatamos contra dous equipos importantes.
-Xa son sete as xornadas que o seu conxunto leva sen perder. Pero nin así dá o Arousa enganchado cos postos punteiros. Os resultados na casa son un lastre. ¿Cal é o problema?
-O problema é que na casa os equipos veñen á Lomba a non recibir goles. Agardando atrás, moi cerrados. E iso non nos convén moito. Nós precisamos espazos. Despois, fóra, os nosos rivais teñen que propoñer algo, e sentímonos máis cómodos.
-O ascenso ¿é un soño ou unha posibilidade moi real?
-Non... O ascenso está aí. Podemos chegar, como non. É algo que lle obsesiona moito ao club. Pero creo que deberían estar tranquilos. O importante é ter unha boa base, facer as cousas ben. Se non é este ano, será o que vén. Esa obsesión non é boa para o club, nin para os xogadores. Hai que ser realistas. Estamos a 8 puntos. O ascenso é complicado. Nin estar arriba che asegura ascender. Hai tres tempadas, no Boiro, estabamos aí. Tiñamos un equipo para subir sobrados, e ao final non foi por 1 punto. Quedou primeiro o Betanzos, segundo o Dorneda, e nós terceiros a 1 punto. Tiveramos varios pinchazos na segunda volta que non previamos. A Preferente é unha Liga moi competitiva, sobre todo no grupo Sur. Por iso, hai que ir con calma.
-Cando marchou do Vilalonga, fíxoo para voltar sentirse valorado. ¿Atopou o que buscaba na Lomba?
-Si. A verdade é que me atopei moi arroupado. Síntome moi cómodo en Vilagarcía.
-No Novo San Pedro veñen de fichar dous xogadores de ataque, e acto seguido, darlle a baixa a Roberto Piñeiro. ¿Como valora agora a súa decisión de deixar o Vilalonga?
-(Sórprendese ao enterarse da baixa de Piñeiro) Eu cando tomei a decisión de deixar o Vilalonga é porque había unhas circunstancias. Vía que estaba estancado. Non vía saída. Foi unha decisión complicada. Non me arrepinto de nada do que fixen. Hai cousas que se podían mellorar. Pero non me arrepinto do feito.