José Antonio Hermida: «A miña meta é mellorar o cuarto posto de Sidnei»

Xosé Ramón Castro
X. R. Castro REDACCIÓN

DEPORTES

ADAM HAWALEJ

José Antonio Hermida, de familia ourensá e que fala galego con fluidez, é unha sólida opción de medalla en Atenas logo de gañar con autoridade o campionato de Europa

06 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?osé Antonio Hermida fala galego. O flamante campión de Europa e candidato a medalla en Atenas na modalidade de mountain bike naceu en Puigcerdá (Girona), pero toda a súa familia é galega. Dos concellos ourensáns de Maceda e Baños de Molgas. Alí pasa todas as súas vacacións, e alí practica o galego que aprendeu na súa casa. Malia a estar na diáspora, sempre foi o idioma familiar. Con este precedente, case se podería dicir que José Antonio é un máis da embaixada galega en Atenas. O número dezaoito na actualidade. Será ademais unha das bazas máis sólidas en canto a medalla. Non só ven de gañar o Europeo absoluto, senón que ten ás súas costas un mundial júnior, outro sub 23 e cinco campionatos de España. E o máis importante, un cuarto posto en Sidnei. A piques de cumplir os 26 anos, xa ten enriba dous Xogos Olímpicos. Serviralle de moito a experiencia acumulada. -¿Considerámolo un galego máis nos Xogos Olímpicos? -Toda a miña familia é galega e vou a Galicia con asiduidade. Teño adestrado tamén nos montes de Meamán e Tioira, nos concellos de Maceda e Baños de Molgas, onde están os meus avós. -¿Hai moito que non vén por estes lares? -A última vez foi no Nadal. Case sempre vou tamén nos veráns, pero este ano non podo. -Hai demasiado traballo de cara a Atenas. -A verdade é que non paramos. En maio estivemos unha longa tempada en Atenas. Tamén traballamos en Austria e agora estamos acumulando moito traballo nos Pirineos. Algo positivo ten que ter vivir en Puigcerdá. -¿Xa coñece o circuíto que lle espera na olimpiada? -Si, de feito estivemos estudiando o terreo. Fun co meu adestrador [Quim Forteza] para ver o material e o tipo de bicicleta que imos utilizar. Penso que se adapta ben ás miñas características, porque é moi seco, con pedras soltas e sen moitos percorridos longos. De todos xeitos, cando estás en forma todos os circuítos son bos. -¿Esperaba o triunfo no campionato de Europa? -Dende logo que non. Non esperaba estar tan forte. Saín a desputar a carreira e con sorte e un bo traballo acadei o triunfo. A verdade é que me sentín moi ben logo de saír dun inverno bastante malo no que tiven incluso principio de neumonía. -Ese estado de forma faille pensar nas medallas. -A miña meta é mellorar o cuarto posto de Sidnei, e eso quere dicir que eu penso en estar no podio. Pero non son o único favorito. Todo vai depender de cómo se desenvolva a carreira. -¿Moitos rivais de por medio para o podio? -Os dez primeiros da Copa do Mundo. Calquera deles pode gañar. Belgas, suízos e italianos son moi bos nesta disciplina deportiva. Debo apuntar que no Europeo estaban todo, o que supón toda unha referencia de cara a Atenas. -¿Que tipo de preparación levou neste ano olímpico? -Dediquei o inverno a acumular quilómetros. Agora xa estamos nunha fase de calidade. De facer series curtas pero intensas. Coido que cheguei a un bo estado de forma e agora trátase de mantelo ata o día 28 de agosto, que é o día da proba. -Ata daquela, ¿que queda por facer? -Imos seguir traballando aquí, en Puigcerdá. Ata o día 23 non nos imos para Atenas, coidamos que con cinco días de aclimatación é suficiente. -Fálase moito da calor e da humidade, ¿Tenlles medo? -Será parecido á que temos aquí. Non creo que en Atenas faga máis calor ca en Ourense. Ademais, xa anunciaron que o dos corenta graos que se falou era unha esaxeración. Non creo que sexa un hándicap para a competición.