Moitos

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

Xente na praia.
Xente na praia. Fermín Cabanillas | EFE

A xullo do ano en curso somos 49.501.889 españolitos (incluíndo abertzales, indepes e outros entusiastas periféricos, que entran no censo malia renegaren do maldito documento nacional de identidade). É dicir, que dentro de 498.111 partos e/ou inscricións máis no rexistro, seremos 50 millóns redondos sobre a vella pel de touro, algo que, de prosperaren ofensivas como a recente de Ceuta, se verificará nun tris. Digo eu que Deus puido cortarse un pouco cando ordenou aos nosos primeiros pais medraren e multiplicárense: se, o día que bendiciu a Eva e Adán, tivera unha previsión aproximada dos 8.300 millóns de terrícolas actuais que xurdiron daquel paradisíaco idilio, ao mellor non era tan rumboso. Pero é o que teñen os deuses: eles tiran para diante, que malo será. Cunha progresión tan espantosa da poboación (eramos 450 millóns no século XV), coincido máis que nunca co coñecido pensamento sartreano: l'enfer son les autres, o inferno son os outros. É dicir, o inferno son os 8.300 millóns de ghichos que poboan o mundo, agás, claro, eu, os membros da miña familia e unha escolma (tampouco moi numerosa) de amigos. Somos moitos no mundo e a sensación de abafo perante a informe caterva humana que o anega todo faise especialmente densa e insufrible no verán. Unha columna que lin hai pouco parafraseaba enxeñosamente a Sartre: os turistas son os outros. En efecto, quen sobra, molesta, berra e non sabe educar os nenos, non respecta a cola, viste fatal e ten aspecto de poligoneiro da estepa, sempre son os outros e, no momento de subir ao catamarán ou sentar nun chiringuito para xantar, preguntámonos que dereito terán para estaren alí furtándonos unha exclusividade que nos pertence, nós que, por suposto, non encaixamos en absoluto na vulgar etiqueta do turista con bandullo, riñoneira e pantalón pirata. E, así, fixamos categorías de pureza fronte ao invasor espurio e, no espazo de confort que ofrece sentírmonos parte de algo auténtico, no fondo desprezámolo e buscámoslle unha denominación irónica que só nos fai graza a nós, por exemplo, fodechinchos ou o máis recentemente pumas (putos madrileños). Algo do que non habería necesidade de non sermos tantos no mundo. E é que tres son multitude.