Praza Maior de Trujillo.
Praza Maior de Trujillo. suso varela

Hai apenas uns días, e por mor dun concerto de Luar Na Lubre, fun ata Trujillo, na provincia de Cáceres. Como xa me ten acontecido noutros recantos de Estremadura, volvín quedar abraiado polas fondas similitudes que esta terra mantén coa nosa Galicia. Ao entrar na súa praza Maior, a visión dos soportais arqueados de granito impactoume de xeito inmediato: a fisionomía desa arquitectura pétrea, robusta e acolledora, transportoume directamente ás rúas de Compostela, Betanzos, Muros ou Pontevedra. Aínda sendo consciente de que os arcos e o granito non son patrimonio exclusivo do noroeste, foi imposible deter un exercicio de imaxinación histórica: na miña mente proxectouse a imaxe de cuadrillas de canteiros galegos —mestres do mazo e o cicel— traballando esas mesmas pedras séculos atrás, deixando a súa pegada na Estremadura profunda a onde tantos galegos teñen chegado en diferentes tempos.

Nesa mesma praza érguese o impoñente pazo da Conquista, mandado construír por Francisco Pizarro. O que máis cativou a miña atención foi a súa cornixa, onde habitan uns gardiáns musicais moi especiais. Alí, tallados na pedra, asómanse á praza cinco músicos que parecen unha formación de folk actual; unha estampa conxelada no tempo que desafía os séculos. Trátase dunha escena de «tocadores de pedra» que interpretan unha melodía muda, pero que pode chegar a ser real na imaxinación de quen repare neles. Dos cinco músicos recoñécese unha arpa, un instrumento de corda semellante ao laúde, unha especie de guitarra primitiva, un instrumento de vento que oscila entre a frauta e o óboe e —para a miña sorpresa e emoción— a figura dun gaiteiro. Este conxunto escultórico, que se completa con outras sete figuras ornamentais, non é só un adorno: é un testemuño da importancia da música na vida cortesá e popular daquel entón. Ver a gaita alí, integrada nese diálogo arquitectónico cacereño, reafirma a idea de que as fronteiras son moito máis difusas do que os mapas pretenden debuxar. Entre o granito de Trujillo e o de Galicia existe un fío invisible, unha melodía compartida que o tempo non logrou silenciar e que, de novo, volveunos abrazar durante o noso concerto.