Detalle das mobilizacións do pasado 8M, polo do Día da Muller, en Santiago de Chile.
Detalle das mobilizacións do pasado 8M, polo do Día da Muller, en Santiago de Chile. Adriana Thomasa | Efe

27 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Desta volta, os meus pasos leváronme de novo cara ao Cono Sur, esa xeografía estremeira que debuxan Uruguai, Chile e Arxentina. Lugares marabillosos que xa visitara anteriormente, pero aos que sempre me comprace regresar polo profundo sentimento de proximidade e familiaridade que neles percibo. Non é só a paisaxe; é un sutil fío invisible que me une sentimentalmente con estes enclaves. Montevideo foi a primeira parada. Alí, o remate do noso inverno coincide cos últimos días do seu verán austral que aínda brindaba un ambiente cálido, e confeso que me descolocaba por momentos. Resultaba curioso ver como o fin do seu estío coincidía co tempo do noso entroido, baixo un prisma totalmente diferente: o seu é un carnaval de longos desfiles e co eco africano do candombe. Son concepcións e xeitos de celebralo moi diferentes, pero resulta fascinante mergullarse nese universo tan distante e tan cheo de vida. A seguinte etapa foi Santiago de Chile, e a miña chegada coincidiu cun momento de grande efervescencia social e política. A cidade estaba ateigada de xente que nun momento histórico despedían ao xa expresidente Gabriel Boric. Ao día seguinte, 8 de marzo, as rúas tinguíronse de malva coa forza reivindicativa do Día da Muller. Foi unha mestura de emoción e celebración nunha capital que sempre se amosa luminosa, escintilante e vibrante ante os ollos do viaxeiro. De Santiago voei atravesando os impoñentes Andes á sempre querida Bos Aires, unha cidade que para nós, os galegos, ten un significado que transcende. Volvín emocionarme ao percorrer as súas rúas e avenidas, lembrando vellas historias da emigración e sentindo a presenza viva de milleiros de compatriotas que deixaron a súa pegada eterna neste chan. Bos Aires non se visita, séntese; é o eco de Galicia no Río de la Plata. Xa no interior da Arxentina, as visitas foron a Rosario e Córdoba confirmando a miña teoría: un séntese universal da man dos nosos paisanos. Moitos deles, xa nados alí, seguen a transmitir a forza e a emoción da terra nai con cada palabra. Galicia é universal, e neste hemisferio sur cobra un pulso que a converte en protagonista de emocións absolutamente indescritibles. É a proba de que a nosa terra non remata no mar, senón que se expande alí onde haxa un corazón que a lembre.