Un político e un cómico teñen algo en común: ambos viven de pintar a mona pero cunha diferenza: os cómicos, xeralmente, fan graza e os políticos non. Deste xeito, José Mota facendo de Pedro Sánchez fai bastante graza mentres Pedro Sánchez facendo de Pedro Sánchez non fai ningunha. Ademais, políticos e cómicos comparten neste país (para o caso léase España) outra curiosa coincidencia: provocan filias e fobias. Á parte de Sánchez, que aló cada quen, o tal Mota é un caso paradigmático do que digo. Teño eu un curmán que non o pode ver mentres que a min divírtenme bastante as súas ocorrencias e o xeito en que ten pillado moito do máis característico espírito hispano. Un gag coñecido do cómico manchego é o do ancián sentado nun banco típico de alameda, á espera do desventurado que acerte a sentar ao seu carón para lle chantar un circunstanciado relato do seu servizo militar nos tempos de María Castaña: Dices tú de mili… é o invariable introito do velliño. Mota, en realidade, moderniza con moita chispa un espécime, non por letal pouco abundante: o do pelmazo que, contra vento e marea, está disposto a endosarnos o que, en fermoso e popular vocábulo, coñecemos como batallita. Lembra vostede o abuelo Cebolleta do gran Vázquez? Pois así síntome eu ás veces cando xa non recordo se aos meus sufridos circunstantes lles coloquei ou non algunha batallita. E é que, fronte ás xeracións que nos sucederon, os boomers somos unha quinta cimarrona, que arribou, salvaxe e en patera, ao continente dixital e estamos condenados, polo tanto, á saudade dos ventos que fixeron estes lodos. A batallita que conto adoito é que aprendín a escribir cunha pizarra e un pizarrín e agora transporto estas paparruchas á páxina electrónica dun cacharro portentoso. Da pizarra ao monitor podería ser o leitmotiv dos boomers, que vimos desaparecer un mundo, engulido por outro ben distinto. Persoal e profesionalmente, vivo reconciliado, sen traumas e mesmo co seu aquel de entusiasmo, coa sociedade e a cultura dixital, pero cando penso na mestura dos aromas da tinta e o papel nas vellas imprentas ou na imaxe do rexente das prensas universitarias, don José Piñeiro Mourelle, picando texto con tipos de chumbo na galera, síntome, si, condenado á saudade.