Recibirá o galardón a súa carreia o vindeiro 8 de abril
20 mar 2026 . Actualizado a las 16:23 h.A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia acordou conceder o Premio de Honra Marisa Soto dos Premios María Casares 2026 á actriz ferrolá Luma Gómez, en recoñecemento a «unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego». Este galardón distingue carreiras consolidadas e de especial relevancia para as artes escénicas en Galicia, poñendo en valor a contribución continuada de figuras clave do sector. No caso de Luma Gómez, o recoñecemento subliña máis de catro décadas de dedicación ao oficio, tanto enriba dos escenarios como no impulso das estruturas profesionais.
A presidenta da asociación, Eva Fórneas, destacou que «LumaGomez é un referente en moitos aspectos», lembrando o seu papel como fundadora e cofundadora de iniciativas fundamentais para o teatro galego, así como o seu compromiso cos dereitos laborais e co feminismo. «Queremos que poida gozar deste recoñecemento en activo, tanto desde o escenario como detrás dos papeis», sinalou, incidindo na «luz» e na coherencia dunha traxectoria marcada pola implicación constante. A entrega do premio terá lugar o vindeiro 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña, durante a gala dos Premios María Casares, organizada pola AAAG coa colaboración de diversas institucións públicas e entidades privadas.
Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes, experiencia que marcou o inicio da súa vocación escénica. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas. En 1977 regresou a Galicia e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985). En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria sólida, diversa e comprometida.
Ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego.