A Xunta pon fin a un decenio de «excelso» labor de Santiago Olmo á fronte do CGAC

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Á procura da fundación. Santiago Olmo charla co artista Lluís Hortalà e o director xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo, diante dunha das pezas de «trompe l?oeil» na exposición que o escultor e debuxante catalán inaugurou en Santiago o 27 de febreiro. Olmo cre que o futuro do CGAC debe camiñar cara á procura da natureza xurídica da fundación.
Á procura da fundación. Santiago Olmo charla co artista Lluís Hortalà e o director xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo, diante dunha das pezas de «trompe l?oeil» na exposición que o escultor e debuxante catalán inaugurou en Santiago o 27 de febreiro. Olmo cre que o futuro do CGAC debe camiñar cara á procura da natureza xurídica da fundación. Paco Rodríguez

A Consellería de Cultura elixirá unha nova dirección na busca de maior internacionalización, a apertura á creatividade dixital e darlle pulo á descentralización das mostras. O sector, artistas e comisarios, demanda que o proceso de selección sexa aberto e que o designado sexa un especialista de recoñecido prestixio

01 abr 2026 . Actualizado a las 23:30 h.

A Xunta pon fin a un decenio de «excelso» labor do crítico de arte e comisario independente Santiago Olmo García (Madrid, 1958) á fronte do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea). O adxectivo cualificativo é da Consellería de Cultura, departamento autonómico ao que está adscrito o museo. Olmo —que vén de cumprir 68 anos o pasado 6 de marzo— chegou ao posto en xullo do 2015, tras impoñerse a súa candidatura ás de, entre outros, Manuel Segade —agora á fronte do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía— e de Juan de Nieves, nunha convocatoria aberta que adoitaba cubrir a praza por un período de cinco anos con posibilidade de prórroga. Agora, case once anos despois, o Goberno galego asegura que a substitución de Olmo é parte dun proceso «totalmente natural» —o seu contrato conclúe o 2 de abril—, pero algunhas fontes sitúana como consecuencia directa da aprobación o pasado 3 de marzo da nova RPT (relación de postos de traballo) da consellería, que coloca a natureza do posto no ámbito do funcionariado e a docencia. A consellería remítese ao contido dunha nota que difundiu na tarde de onte na que anuncia o inicio dun proceso para prover a vacante. A elección da nova dirección —adiantan— realizarase «a través dunha convocatoria dunha praza de libre designación, cuxa convocatoria terá lugar nos próximos días, un proceso que cumprirá cos criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea».

Olmo xa tiña proposta á Xunta unha fase de «transición suave» para a súa saída —ata que o seu herdeiro tomase posesión— e tratar de que a institución non quedase descabezada e se garantise a preparación dos proxectos en marcha e o cumprimento do programa de exposicións. A Xunta acelera así o proceso e avanza que «nos próximos días se aprobarán as bases para a elección da nova dirección seguindo os principios de transparencia, mérito e capacidade», insiste a consellería.

No mérito e na capacidade fai fincapé Olmo, que cre que o seu sucesor —«non está na miña intención ter papel algún na designación», advirte— debe ser un especialista, unha persoa recoñecida no mundo da arte, con experiencia, respectada, con capacidade de relación con outros museos, con manexo de idiomas, que poida levar a creación galega alén do territorio propio, e con formación e escritura críticas acreditadas. «O proceso de selección debe ser aberto á participación e coa procura da excelencia como única guía», di, para estar en consonancia con outros museos equiparables en España como o IVAM valenciano, o Macba catalán ou o Reina Sofía.

Nese mesmo sentido, prosegue, hai que aspirar a reformar o mecanismo de xestión do CGAC cara á fundación —como ocorre co Gaiás ou o Marco—, porque o estatuto administrativo de unidade dependente da consellería lle resta moita axilidade operativa, incluso sen competencias para difundir a súa actividade, facer publicidade propia ou actuar cos medios. «E non se trata de orzamento nin de liberdade de actuación. Eu traballei aquí con moitísima liberdade e sentín o apoio directo do Goberno galego na persoa do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, co que establecín unha importante sintonía. Foi un privilexio construír esta relación no persoal e no intelectual. Do que se trata —subliña— é de axilidade de actuación, á hora de traballar, contratar, resolver e programar, aspectos que a condición administrativa minora e limita moito, reducindo o impacto do museo ao dunha sala de orde local». Neste sentido, incluso apela ao espírito fundacional de Manuel Fraga, que, anota, naqueles anos noventa, tiña un propósito modélico para o CGAC, o de levar a cultura galega á escena internacional.

Olmo, porén, vaise moi feliz e satisfeito do labor desenvolvido en tres campos: no cultivo do medio artístico galego, na escena española e, ocasionalmente, transcendendo fronteiras. Lembra proxectos moi poderosos, arriscados, dimensionados sempre ao manexo económico e á capacidade administrativa, e introducindo artes esquivas ao museo como a música, a danza, a arquitectura...

Unha traxectoria e un esforzo que o propio conselleiro de Cultura, José López, poñía onte de relevo: «O paso de Santiago Olmo polo CGAC só pode valorarse desde o recoñecemento, o respecto e o agradecemento polo seu traballo e compromiso coa cultura e arte contemporánea en Galicia». A súa etapa —incidía— permitiu consolidar o museo como unha das principais institucións culturais do país a través de proxectos expositivos que deron visibilidade a artistas consolidados e a creadores emerxentes, e unha programación de actividades para abrir o museo á cidadanía. Todo isto, subliña López, deixa unha importante pegada no CGAC, que, sen dúbida, conclúe, «continuará sendo un referente nas vindeiras etapas».

Para que iso suceda, a consellería procurará coa elección do novo responsable acadar unha mellora na internacionalización do museo, unha maior apertura á creatividade dixital e darlle pulo á descentralización das súas mostras dentro e fóra de Galicia.

Algúns artistas e comisarios consultados expresaban certa preocupación por que o proceso remate cunha persoa á fronte do CGAC que non sexa un especialista, e que isto redunde nunha maior burocratización do posto.

Santiago Olmo: «Este museo é un sinal principal da identidade de Galicia»

Xa en días de despedida, Santiago Olmo bota en falta en Galicia e en España unha defensa sen paliativos da arte contemporánea, aínda hoxe obxecto de sospeita, nun país —na esquerda e na dereita— que aínda se permite xogar con tópicos como «tomadura de pelo, refuxio elitista ou covacha de comunistas», unha situación que afecta tamén, di, a outras disciplinas como a música, o cine e a literatura. En particular, sinala, o CGAC merece un respecto, alén do magnífico traballo que fai na achega ao público, á cidadanía, do mellor do que ocorre en Galicia en España e na escena internacional: «Este museo é un sinal principal da nosa identidade, da identidade de Galicia». Nese sentido, reivindica tamén a relevancia da colección do museo, que, argúe, «hai que deixar de ver como un gasto para entendela como un enriquecemento do patrimonio de Galicia». É tamén, asegura, unha ferramenta na construción da historia, do seu relato, en particular desde os anos cincuenta do século XX: «Sen esta colección —proclama— non teriamos memoria». Olmo, que non pensa demasiado na xubilación, ten moitos proxectos en mente: regresará á súa casa de Madrid —«botarei moito en falta a choiva, xa teño certo espírito nórdico»—, pero seguirá sentíndose galego, en parte tamén porque o forza a súa filla Miranda, de 8 anos, «toda unha picheleira e un moi bo motivo tamén para non retirarse», admite riseiro.