Marilar Alexandre afirma que a institución ten unha débeda coa escritora
18 mar 2026 . Actualizado a las 17:33 h.«A Real Academia Galega ten unha débeda con María Xosé Queizán; se o contexto fose outro, ela sería académica cando entraron os escritores da súa xeración. Este acto é un pequeno paso para comezar a pagar esa débeda», afirmou Marilar Aleixandre durante a súa intervención na homenaxe que a institución lle dedicou á autora viguesa con motivo do Día da Poesía, un acto que vén realizando a RAG desde hai seis anos e que, nesta ocasión, levou por título María Xosé Queizán. A escrita sen límites. Pouco antes do comezo deste encontro, que tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, nunha conversa co presidente da Academia, Henrique Monteagudo, María Xosé Queizán trasladoulle que, máis ca unha homenaxe, ela o que quere é ser académica.
No acto, organizado pola Real Academia Galega, quedou patente que Queizán é unha muller na que non se pode disociar a súa creatividade literaria, vertida en distintos moldes xenéricos —como dixo Monteagudo—, e o seu papel como defensora dos dereitos do mundo feminino. Resumiuno a académica Marilar Aleixandre: «A voz de María Xosé Queizán certifica que o pensamento feminista é pensamento, que a poesía pode ser un manifesto feminista, que, se a violencia contra as mulleres se inscribe nos corpos, é dado recuperar os corpos e as mans para levar a cabo a revolución feminista».
Nunha liña similar perfilou Margarita Ledo a súa amiga, que definiu como «esa figura que nos levou cara á construción de espazos emancipados, de lugares que se erguen nun universo paralelo ao patriarcado e que poden ser algo tan simple como unha revista, Festa da Palabra Silenciada, ou as pequenas e grandes transgresións tamén na literatura, a comezar pola lingua na que escribe: “Lingua, único corpo que me pertence”».
Voz das mulleres
Henrique Monteagudo foi o encargado de abrir o festexo. Aínda que afirmou que non era preciso explicar os motivos da elección de María Xosé Queizán para celebrar o Día da Poesía, si dixo que a homenaxeada «ten un perfil como escritora, como pensadora e activista absolutamente clave para entender a evolución da nosa cultura». Engadiu o presidente da Academia que foi fundamental a súa actitude vital e literaria para que «se fose oíndo a voz das mulleres, que estaba practicamente silenciada porque estaba secundarizada».
O acto foi conducido pola poeta Míriam Ferradáns, que foi dando paso, na súa segunda parte, a poetas que leron e reflexionaron sobre os poemas de María Xosé Queizán. Eses versos quedaron reflectidos nunha publicación conmemorativa coa que foi agasallado o público e que está dispoñible en versión dixital na web academia.gal. A publicación do encontro recolle varios exemplos da «insubordinada potencia emancipada da poesía de María Xosé Queizán», en palabras da súa coordinadora, a académica Ana Romaní. Son os textos que escolmaron e leron Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns, Xavier Baixeiras, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e a propia Romaní, introducidos polos seus respectivos comentarios sobre unha creadora que, resume Margarita Ledo, «trae a experiencia das mulleres para o centro da trama».
A homenaxe completouse coa participación da música Uxía Senlle, que cantou varios poemas musicados por ela mesma, como Ela ou Porca miseria. A cantante de Mos recordou que había moi poucos días que brindara con Queizán por Begoña Caamaño, «outra voz silenciada».
O acto contou co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, que estivo representado polo seu concelleiro de Cultura, Gorka López, que escusou a presenza do alcalde, onte de viaxe en Madrid xunto á tenente de alcalde, Carmela Silva.
María Xosé Queizán debutou na escrita en 1965 con A orella no buraco. Con só 26 anos deuse a coñecer co que é un dos títulos de referencia da nova narrativa galega, no que trouxo ás letras galegas os principios do nouveau roman. A finais dos setenta presentouse como ensaísta con A muller en Galicia (1977) e, uns anos despois, en 1983, fixo realidade o lanzamento de Festa da Palabra Silenciada, unha revista feminista de creación literaria.