Como sabedes os que seguides esta columna, o meu nome é Bieito, e, para ser máis exacto coa partida de bautismo, Xosé Bieito. Combinación que recibín como herdanza directa do meu avó. El foi quen primeiro portou esta insignia familiar que eu hoxe levo con orgullo e comparto co meu fillo. O certo é que, ao longo da miña vida académica e profesional, case sempre fun o único con este nome en cada aula ou lugar polos que pasei; unha singularidade que confirma que o nome gozou de moita máis popularidade en séculos pretéritos.
A súa xenealoxía mergúllase nas raíces do latín. Provén do participio pasivo do verbo benedicere, que deu lugar a Benedictus, palabra formada pola unión de dúas raíces transparentes: bene e dicere. Polo tanto, a tradución literal vén sendo ‘o ben dito’ ou, nun sentido relixioso, ‘o bendito’ ou ‘o bendicido’. Co paso do tempo, ese latín foise moldeando na boca do pobo ata converterse no galego que hoxe falamos, adquirindo a forma Bieito.
A importancia desta figura en Galicia é innegable. A pegada de san Bieito, tanto no eido relixioso coma no cultural e etnográfico, é unha das máis notables da nosa terra. É un dos santos máis venerados, o gran «santo milagreiro» ao que milleiros de galegos acoden para sandar males de pel ou, simplemente, por devoción ancestral.
Hai uns anos, conscientes desta distinción nominal e por iniciativa do incansable editor Bieito Ledo, un grupo decidimos fundar a Orde dos Bieitos Galegos. Baixo o suculento lema de «Manducare et parlare», establecemos un rito de confraternidade. Cada ano marcamos unha data no calendario para nos xuntar e seguir as consignas desta orde que, contra todo prognóstico, medra en número. Segundo os datos do INE, somos unha especie rara, pero resistente: apenas hai uns 250 Bieitos en toda Galicia, que poderían chegar aos 300 se contamos os que espallan o nome pola diáspora. A maioría están na provincia de Pontevedra, fogar do senlleiro san Bieito de Lérez; logo, na Coruña e en Ourense, onde teño as miñas raíces e onde o santo tamén deixou pegada en lugares únicos, como esa fonte milagreira a carón do mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos.