Once películas aspiran a gañar unha MICE que aposta pola experimentación

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal asumen a dirección da MICE.
Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal asumen a dirección da MICE. PACO RODRÍGUEZ

A mostra etnográfica desenvolverase do 10 ao 15 en Santiago

05 mar 2026 . Actualizado a las 04:55 h.

Reforzar o papel da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego como espazo de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Esa é a intención do colectivo Memoria e Cinema, que colle o testemuño de Ana Estévez na dirección desta cita que desenvolverá a súa 21.ª edición do 10 ao 15 de marzo en Santiago. «Cambia o formato, pero non a súa esencia», afirmou a presidenta do museo, Concha Losada, quen tivo palabras de recoñecemento para Estévez, de quen enxalzou o seu papel na consolidación e recoñecemento da MICE. Precisamente, os agora codirectores Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal xa traballaron con ela. A intención dos novos responsables, segundo subliñaron, é recoller o seu legado facendo algúns cambios e mantendo algúns sinais de identidade como é o enfoque feminista.

A mostra abrirá o martes evidenciando esa aposta pola experimentación coa peza Redeiras da Guarda, que recolle os sons que se están perdendo desta actividade tradicional. Trátase dun traballo creado especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea. Nesa sesión inicial tamén se presentará o resultado do taller de iniciación ao cinema en 16 milímetros.

En canto ás sesións competitivas, contarán con once filmes: cinco no apartado galego e seis no internacional, con filmes procedentes neste último caso de países como Alemaña, a India, Portugal e Francia, ademais de España. Na sección propia destaca a estrea en Galicia do novo traballo de Diana Toucedo, La historia todavía no conoce mi nombre, unha proposta que dialoga co territorio mexicano. Tamén se poderá ver por primeira vez no país El cuerpo de Cristo, de Bea Lema, un traballo, ademais, ligado ao propio Museo do Pobo Galego, xa que empregou algúns dos rexistros sonoros que conserva a institución. A sección galega complétase con Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada negra, de Berio Molina; e A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva.

Pola súa banda, na sección internacional, destaca a lusa Percebes, que foi preseleccionada para os Óscar á mellor curtametraxe de animación. Outra das cintas pousa a ollada no Himalaia para explorar a memoria.

Por outra banda, a MICE dedicaralle unha retrospectiva a Maddi Barber, artista e cineasta navarra cunha obra profundamente ligada ao territorio prepirenaico. Deste xeito, proxectaranse cinco dos seus traballos. Ademais, a mostra poñerá o foco na experiencia de cinema colectivo Zinema Auzolanean, que se desenvolveu en distintas localidades navarras. O festival contará con sesións en colaboración co Cineclube Compostela e o Festival Novos Cinemas, entre outros.

Miríam Louzao, Xosé Penas, Concha Losada, Fran Rodríguez Casal, Coral Piñeiro e Jacobo Sutil, durante a presentación da nova edición da MICE este mércores
Miríam Louzao, Xosé Penas, Concha Losada, Fran Rodríguez Casal, Coral Piñeiro e Jacobo Sutil, durante a presentación da nova edición da MICE este mércores PACO RODRÍGUEZ

Representantes da Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago amosaron o seu apoio á MICE. «Este certame é un faro cultural», incidiu o director da Agadic, Jacobo Sutil. Xosé Penas, deputado provincial, salientou que o festival é «case un patrimonio», mentres que a concelleira da área cultural, Míriam Louzao, puxo o foco no certame como «espazo de descuberta».