Tereixa Constenla recibiu o premio Casino de Santiago de ensaio por «Abril é un país», en que relata o levantamento democrático portugués contra a ditadura
04 mar 2026 . Actualizado a las 13:55 h.Abril é un país (Kalandraka) «é un libro que só me dá alegrías», afirmou este martes Tereixa Constenla (Arca, A Estrada, 1968) ao recibir o premio de ensaio impulsado pola asociación cultural Casino de Santiago. O traballo impúxose na categoría galega do novo galardón. O xornalista Fernando Salgado resaltou que, malia pasar máis de cincuenta anos e de todas as obras e filmes que se fixeron sobre a Revolución dos Caraveis de Portugal, a obra gañadora «descobre recantos inéditos» sobre ese fito histórico do 25 de abril de 1974. Engadiu que se trata dunha obra «engaiolante» e «escrita nunha prosa espléndida».
«A Revolución dos Caraveis foi a que todo o mundo quixo vivir», resaltou Tereixa Constenla. A escritora, xornalista e correspondente de El País en Lisboa mergúllase nesta insurrección —que rematou coa ditadura de Salazar— a través dalgunhas das persoas que tiveron un papel clave para o triunfo do levantamento, pero que, nalgúns casos, despois desapareceron da historia, e mesmo algunhas foron marxinadas. «Non foron os grandes nomes da historia, senón aquelas persoas que tiveron un papel transcendental para que isto acontecese», dixo. Un deses «heroes maltratados» que rescata é o de Salgueiro Maia, «que foi quen comandou as tropas cando se enfrontaron ás do réxime».
Xunto ao seu nome figura, entre outros, o do xornalista Carlos Albino, clave para que soase na radio Grândola vila morena, canción de Zeca Afonso que era o sinal para o levantamento. «Hai que dicir que estivo a punto de non poder emitirse, porque o bolseiro puxo un bloque de cinco minutos de publicidade», lembrou ante o público que enchía o Casino de Santiago.
Outra das figuras cruciais coas que conversou Constenla é José Alves da Costa, que foi o militar que non asumiu a orde de disparar desde o tanque contra as tropas que iniciaran a revolución, incumprindo o mandato que lle daba o capitán. «Ninguén soubo quen era este home durante 40 anos, e foi grazas ao traballo de dous xornalistas», resaltou a autora, reivindicando así tamén o labor dos medios de comunicación. Non esquece tampouco a participación das mulleres neste levantamento. Lembrou o caso de Conceição Matos, unha sobrevivente das torturas da ditadura. «Ela resistiu as malleiras e as humillacións, e non delatou a ninguén», recordou a galardoada con este premio de ensaio, que afirmou que desta revolución se poden extraer ensinanzas para a historia. E destacou os compromisos individuais dos participantes, «que estiveron dispostos a perdelo todo polo beneficio da comunidade».
O encontro organizado pola asociación cultural Casino de Santiago —que preside Ubaldo Rueda— contou co apoio do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, entre outros. Tamén estaban entre os asistentes o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e o historiador Ramón Villares.