Teófilo Edicións publica un estoxo coas sete obras en prosa de Rosalía de Castro
CULTURA
Trátase dunha colección, inciden, pensada para quen «ama as letras, a historia e a pegada imborrable dunha escritora que marcou un antes e un despois na cultura galega»
25 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O selo Teófilo presentou onte un estoxo, con motivo do 24 de febreiro, día en que se conmemora o bautizo de Rosalía de Castro, que reúne as súas sete obras en prosa, unha edición especial que —subliña a editorial galega— pon en valor non só a magnitude literaria da súa produción, senón tamén a vixencia do seu pensamento e o seu legado. Trátase dunha colección, inciden, pensada para quen «ama as letras, a historia e a pegada imborrable dunha escritora que marcou un antes e un despois na cultura galega», cunha homenaxe que festexa a forza literaria de Rosalía e a súa memoria, «pensado tanto para lectores de toda España coma para o público galego que recoñece nela un símbolo de identidade e valentía».
Son as seguintes: Flavio, ambientada na Terra de Iria, na que os conflitos de paixón entre Mara e Flavio están enmarcados noutras tensións de carácter social, nas que a paisaxe ou a identidade teñen tamén o seu escenario, como di a frase: «La verdadera patria del hombre es el mundo entero», recorda Teófilo. Ruinas, protagonizada por tres personaxes situados arredor de dous mundos sociais en colisión: o do Ancien Régime e o do capitalismo incipiente. El caballero de las botas azules, a novela máis lograda de Rosalía, trata dunha peregrinación polo Madrid do seu tempo. A enigmática figura do cabaleiro convértese nun instrumento crítico cara á época. El primer loco, narración novelesca moi en sintonía coa subxectividade de Follas novas e ambientada nunha referencia xeográfica deste libro de poemas: a Compostela dos barrios, en concreto Conxo. Contos da miña terra, en que a partir dun conto popular misóxino, coñecido xa na antigüidade clásica, reverte a súa misoxinia cara a unha dimensión feminista. Lieders, un texto breve e con trazos de manifesto feminista, no que fai un canto á igualdade da muller, a independencia e a liberdade: «Yo soy libre. Nada puede contener la marcha de mis pensamientos y ellos son la ley que rige mi destino». E La hija del mar, ambientada na Costa da Morte, é unha novela moi imaxinativa onde a desolación dos personaxes, vítimas de apaixonados conflitos sentimentais —detalla Teófilo—, se proxecta nun marco moi áspero.