Fervenzas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Fervenza de Augacaída, en Pantón, estes días atrás.
Fervenza de Augacaída, en Pantón, estes días atrás. Carlos Cortés

24 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Alingua galega, modelada por séculos de chuvia, posúe unha riqueza infinita para describir o movemento do fluído vital. Non existe unha única forma de nomear a caída da auga, pois non todas as precipitacións son iguais: segundo a comarca, o caudal ou o xeito en que o río se guinda ao baleiro, a nosa xeografía describe con palabras que son, en si mesmas, pura onomatopeia. Explorar o país é descubrir que o que nun lugar chamamos fervenza, noutro é cachoeira, cachoada ou cachón. Cando o golpe é violento e a escuma tona na superficie, o pobo fala de callóns ou abanqueiros. Se nos perdemos polas serras do interior, escoitaremos falar de cadoiros ou seimeiras, que evocan a verticalidade máis absoluta. E se o que nos guía é o oído antes que a vista, atoparemos as ruxidas ou ruxidoiras, bautizadas polo ruxir constante, ese trono branco que nunca cesa e que anuncia o salto moito antes de que os ollos poidan ventalo. Conceptos como freixa ou o sinxelo salto completan un catálogo de voces que, aínda que non todas estean oficializadas pola lexicografía académica, latexan con forza no falar cotián das ribeiras.

Eu considérome un buscador de fervenzas. Non son meros accidentes xeográficos, senón espazos máxicos e hipnotizadores. Catedrais de vapor e musgo onde se xeran microclimas únicos, refuxios de biodiversidade onde o tempo semella deterse. Alí, entre o frescor da bruma e o balbordo do río, a natureza maniféstase en todo o seu esplendor, creando santuarios onde os fentos e os bosques de ribeira medran baixo o influxo dunha humidade eterna. Cada incursión na busca dunha nova cachoada é unha peregrinación cara o corazón salvaxe de Galicia. É unha procura de paz, pero tamén de asombro, ante esa enerxía inesgotable que esculpe a rocha e alimenta a alma. Porque buscar unha fervenza é buscar un dos latexos máis puros da nosa terra. Nunca esquecerei a primeira que me impactou dun xeito especial: a de Vieiros, na maxestosa serra do Courel. Tras ela viñeron moitas outras experiencias abraiantes como a caída do Ézaro en Dumbría, a elegancia da seimeira de Vilagocende na Fonsagrada ou o misterio de Augacaída en Pantón. Esas foron as que me marcaron para seguir buscando, sempre un paso máis alá, nas fonduras da nosa terra.