As propostas dos museos da Xunta para o 2026: da exhibición de moedas históricas únicas á arte de Oceanía
CULTURA
Os dezaoito equipamentos culturais xestionados pola Consellería de Cultura acollerán 74 exposicións ao longo deste ano, destacando a mostra co Museo Británico
10 feb 2026 . Actualizado a las 20:04 h.Arte de Oceanía, as moedas históricas que recentemente adquiriu a Xunta, pezas de artistas galegos pertencentes á colección do Museo Reina Sofía, obras da prestixiosa colección Masaveu, creacións de Jannis Kounellis, a historia do conxelado... Trátase de seis dos 74 proxectos expositivos que se exhibirán ao longo deste ano na rede de museos e arquivos que xestiona directamente a Xunta de Galicia. «Vai ser un ano intenso como previa ao Xacobeo 2027», afirmou o conselleiro de Cultura, José López, resaltando a captación de exposicións de ámbito internacional, como é o caso da mostra en colaboración co Museo Británico que se inaugurará a principios de xuño no Gaiás. Voces do Pacífico reunirá 216 obxectos procedentes das diferentes coleccións desta institución, que conta con pezas de referencia da arte de Oceanía. Ao Gaiás, onde recentemente abriu Mundo expandido para explorar os límites da realidade física e virtual, tamén chegará este mesmo mes As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, e xa en outubro inaugurarase un proxecto centrado na colección de artistas galegos do Museo Reina Sofía. O peche será poñendo o foco na tradición de ourivería antiga no Noroeste Ibérico. A programación complétase con máis dunha decena de itinerancias por Galicia, Madrid e Zamora.
Sen saír da Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia sumará á exposición de Siro López, outras centradas en Begoña Caamaño e en Ramón Otero Pedrayo. Ademais, en outubro inaugurará unha proposta na que contará a historia dos videoxogos en Galicia. No mesmo edificio, o Arquivo de Galicia difundirá o arquivo persoal de Luisa Villalta e en xuño abrirá unha mostra cos mapas diarios de isóbaras realizados polo Observatorio de Lavacolla entre 1954 e 1985.
No CGAC, á mostra inaugurada o venres do proxecto seleccionado para representar a España na última edición da Bienal de Venecia, engadiránselle as de Lluis Hortalá —abrirá o día 27— e a de Alexandra Ranner — 13 de marzo—. Xa despois do verán será a quenda da obra de Jannis Kounellis, un dos máis destacados referentes da arte povera, así como do fotógrafo Manolo Laguillo.
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá fotografías de Luis Gabú sobre A Habana e o Centro Galego na capital cubana, e en setembro abrirá unha mostra de bodegóns e floreiros do XVII e do XVIII da colección Masaveu, un dos fondos privados máis importantes de España.
Outra das mostras destacadas chegará ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que á exhibición dos bens de recente ingreso na súa colección, lle engadirá «as moedas de ouro que a Xunta adquiriu recentemente en Madrid», afirmou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Trátase de pezas «raras e únicas» do período suevo e visigodo, así como da época dos Reis Católicos e do reinado de Felipe II.
Outra das exposicións singulares deste 2026 estará protagonizada polo artista ourensán Acisclo Manzano, que ofrecerá no Museo das Peregrinacións a súa visión do pórtico da Gloria. Xa en xuño, exhibirá imaxes do fotógrafo Tino Martínez.
A Fundación Camilo José Cela, en Padrón, lembrará o 75 aniversario da publicación de La colmena, e o 70 aniversario de Papeles de Son Armadáns, a revista dirixida e editada polo escritor.
O Museo do Mar de Vigo repasará a historia do conxelado en Galicia e ofrecerá unha retrospectiva de artistas arxentinos.
En Ribadavia, o Museo Etnolóxico abrirá media ducia de propostas, mentres que o Museo do Viño contará a historia do licor café. O Museo do Castro de Viladonga dará a coñecer o xacemento de Ventosiños, e o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro achegará os xoguetes tradicionais do Camiño. O Museo Massó de Bueu completará a súa museografía.
En canto aos arquivos, o do Reino de Galicia amosará os gravados con temática oriental; o de Lugo, difundirá o fondo fotográfico de Santy López; o de Pontevedra, poñerá o foco no papel da muller no mar; e o de Ourense, na xornalista Mª Luz Morales e en Otero Pedrayo.
O conselleiro de Cultura amosouse convencido de que con esta programación continuarán medrando as visitas aos museos, resaltando a actividade que fan ao longo do ano.