The Rapants cerrarán a súa xira no Emigrason antes de dar o salto ao Multiúsos do Sar

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

The Rapants actuando nas instalacións de Finsa en Santiago.
The Rapants actuando nas instalacións de Finsa en Santiago.

O festival celebrarse os días 27 e 28 de febreiro en Bruxelas

14 ene 2026 . Actualizado a las 12:24 h.

O Festival Emigrason presentou en Santiago de Compostela a súa cuarta edición. Foi nun acto na sede de Finsa, que patrocina o evento, no que actuaron The Rapants, un dos grupos participantes nesta edición. Os de Muros pecharán alí a xira do seu disco La máquina del buen rollo, antes de publicar Rapants Club, o disco que presentarán en gran formato no Multiusos do Sar de Santiago o 28 de marzo.

O Emigrason terá lugar os días 27 e 28 de febreiro en Bruxelas e contará cun cartel integrado por dez proxectos representativos do momento actual da escena musical galega. A programación arrincará na sala La Tricoterie o venres 27, cunha xornada centrada nas propostas emerxentes. 9Louro abrirá a noite cun directo marcado pola intensidade e o carisma. Fer presentará o seu proxecto en solitario tras a súa etapa no dúo Verto, no que será, polo momento, o único concerto anunciado. Completan o cartel Paloma Paloma, cunha proposta de pop introspectivo, e Duendeneta Dilleis. A xornada incluirá tamén unha foliada a cargo da ACG A Roda e da Irmandade Galega na Suíza.

O sábado 28, o festival trasladarase á sala La Madeleine, que acollerá a xornada principal do Emigrason. O cartel estará encabezado por Baiuca, acompañado por The Rapants, Ortiga e Sabela. En apenas tres edicións, o Emigrason superou os dous mil asistentes e logrou atraer público procedente de Galicia, da diáspora europea e doutros países. Con esta cuarta edición, na que se amplía a programación, o festival continúa avanzando na súa consolidación como espazo de encontro e difusión da música galega no contexto internacional.