María Docampo, a muller que espiou a Castelao en Nova York

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Luis Soto, María Docampo, Castelao e Virxinia Pereira en Nova York
Luis Soto, María Docampo, Castelao e Virxinia Pereira en Nova York

Unha mostra amosa a vida de mulleres relacionadas co intelectual

03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1938, Castelao chegou a Nova York como ministro da República no exilio buscando apoio económico e político para a causa republicana. Alí estaba María Docampo, unha moza con orixes en Oleiros que comezou a facerlle de tradutora. Porén, a súa historia vai máis aló. Malia que non hai confirmación oficial, crese que era espía e que puido darlle información ao Goberno dos Estados Unidos sobre as actividades do intelectual galeguista.

A historia cóntaa Fernando Recamán Solla, comisario da exposición que ata finais de xaneiro se pode visitar na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e que, ademais de recuperar documentación ata o momento pouco coñecida, abre novos vieiros para coñecer a algunhas das mulleres que tiveron influencia na vida do intelectual galeguista. «María Docampo rematará tendo unha relación bastante estreita co matrimonio Castelao», ata o punto de que Virxinia Pereira, esposa de Castelao, unha vez que regresa a España, vai visitar a sepultura de María Docampo.

Porque a vida desta muller rematou demasiado cedo. O seu marido, un mexicano alcumado O Jalisco, matouna de trinta coiteladas, asasinando tamén a nai e a irmá de María. Era o ano 1948 e sobre o destino do Jalisco tamén houbo murmurios, porque tivo unha condena bastante máis reducida do que era habitual por homicidio na época, o que espertou rumores sobre a súa posible implicación coa espionaxe norteamericana.

Sexa quen for —Isaac Díaz Pardo contaba que un profesor americano confirmara o pasado de espía de María Docampo—, os documentos non menten. Porque papeis desclasificados do FBI demostraron que, nos anos corenta, Castelao fora espiado para monitorizar a súa actividade como republicano nun intre no que Estados Unidos aínda estaba decidindo a súa posición a respecto da ditadura franquista. De feito, resalta Recamán, non está claro se María Docampo podía estar dando información a altos mandos da República sobre a actividade de Castelao.