Ledicia Costas e Luismi Pérez reviven o espírito de «Elige tu propia aventura»
CULTURA
«Bruxas e Dragóns: Baba Iagá» é o primeiro capítulo dunha serie de libro-xogos
03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«A idea sempre foi facer un libroxogo, nunca valoramos a posibilidade dunha novela tradicional», explican Ledicia Costas e Luismi Pérez, que xunto coa ilustradora Bea Gregores crearon Bruxas e Dragóns: Baba Iagá (Triqueta). Tomando como referencia os libros dos anos oitenta como Elige tu propia aventura y Dragones y mazmorras —nos que os lectores deciden como discorre a historia—, fixeron unha proposta lúdica pensada precisamente para aqueles que empezan a ler libros. «A todas as nenas e nenos lles gusta xogar e nesta aventura éntrase de cheo a través do xogo e da diversión —argumentan os autores—. Van ler case sen decatarse de que están lendo. Teñen que pasar probas nun mundo de fantasía onde eles son quen toman todas as decisións, e iso marca o rumbo da aventura. Moitas crianzas fixémonos grandes lectoras nos anos oitenta grazas aos libroxogos. Son unha porta de entrada moi interesante».
Bruxas e Dragóns: Baba Iagá combina a narrativa literaria coa emoción dos xogos de rol, algo que —segundo Costas e Pérez— vai da man. «Os xogos de rol son, en esencia, un xeito de contar unha historia —explican—. Iso mesmo é o que nós facemos aquí. B&D ten unha mecánica de tiradas de dados sinxela pero moi efectiva: só hai que saber sumar, restar e ter dous dados. E nin sequera os precisas porque, igual que nos libroxogos publicados por Altea, B&D trae dados impresos nas súas páxinas. Para facer unha tirada só hai que abrir o libro ao azar. En canto aos conxuros, o sistema é diferente porque depende en gran parte da sorte. Pero tamén ten unha boa dose de diversión».
Nese sentido, hai ata 52 finais diferentes. Isto obrigou os creadores a facer un mapa previo. «Tivemos que deseñar unha árbore de decisións para garantir a coherencia interna da historia. A árbore foise complicando máis e máis ata tal punto que unha das pólas é tan grande coma o resto da árbore. Esa póla, que é un sendeiro segredo, é a nosa favorita do libro». Un prantexamento así xera que as lecturas sexan múltiples e que o libro non se chegue a ler de todo. «O reto é que cada unha das cincuenta e dúas historias que propoñemos sexa unha aventura satisfactoria, malia que é certo que ás veces perdes e tes que volver empezar —reflexionan—. Pero esa é, precisamente, a maxia deste libro: podes xogalo e rexogalo. Igual ca nun videoxogo. Que perdes? Podes intentalo outra vez. Que gañas? Podes empezar escollendo outro camiño diferente».
Bruxas e Dragóns: Baba Iagá é o primeiro volume dunha colección e, ademais de en galego, edítase tamén en castelán.