O administrador de Sargadelos di que retirará a produción das fábricas de Sada se as declaran BIC

T. Silva SADA / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL MIRAMONTES

O conselleiro de Cultura, José López Campos, visitou o Museo Carlos Maside, declarado esta semana ben de interese cultural

01 ago 2025 . Actualizado a las 15:10 h.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, visitou este venres o Museo Carlos Maside, declarado oficialmente ben de intereses cultural esta semana. «Hoxe é un día moi importante para Sada, para a provincia da Coruña e para Galicia, non estamos ante un BIC ao uso, é un dos espazos máis relevantas da cultura galega», sinalou no comezo da súa intervención, acompañado polo administrador único, Segismundo García. «É unha colección privada, e así o ten que consideralo a sociedade. Teño que agradecer a Segismundo e a todo o seu equipo as facilidades na tramitación deste BIC», indicou o conselleiro, que ofreceu o apoio da Xunta en todas as necesidades e obras que vaian xurdindo no museo sadense, que conta cun inventario de 1.447 obras de arte.

Un dos asuntos máis debatidos sobre este BIC é a extensión ao resto do complexo fabril de Sargadelos, que demandan moitas asociacións. Pero o administrador único descartou que se dea ese paso mentres el estea á fronte da súa xestión. «Eu pediríalle a todos ese colectivos que se é verdade todo o que din, que o xudicialicen. O que lles gustaría é expropiar todo, pero o comunismo ainda non chegou», sinalaou Segismundo García. «Se eles tivesen un Tapies no salón da súa casa e llo declararan BIC e tiveran que abrila ao público á hora de comer...», ironizou. Engadiu que declarar BIC as fábricas sería contraproducente para a propia produción. «As naves son puras naves da época moderna, se eles conseguen declaralas BIC eu retiraría a produción de Sada», dixo antes de expoñer que si haberá unha especie de espazo sociocultural para que a xente poida coñecer o proceso produtivo «ao tempo que desfruta dunha comida ou un viño».