Colleita da pataca na comarca ourensá da Limia.
Colleita da pataca na comarca ourensá da Limia. Santi M. Amil

04 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba hai días visualizando unha serie de mapas sobre cultivos agrícolas en Europa, cando me chamou a atención un de 1491 sobre a extensión da pataca. O mapa estaba en branco e matinei que, quizais, podería haber algún erro. Logo duns segundos reaccionei, e caín na conta de que a pataca chegou dende América. Pese a isto e á importancia desta planta na nosa alimentación, ás veces podemos chegar a interiorizar que leva con nós dende tempos inmemoriais, e non é exactamente así.

Pois, ben, o familiar tubérculo que tanta fame quitou, complemento case que fundamental na nosa gastronomía, chegou a Europa no século XVI, pouco despois de que fose visto por primeira vez na provincia de Vélez (Colombia) no ano 1537. No 1554, a pataca foi traída dende Perú a España como curiosidade fitolóxica, e non como planta alimenticia. Dise que a Galicia chegou a comezos do século XVII, aínda que hai referencias que indican que xa se puideron cultivar na horta botánica do mosteiro de Herbón en Padrón a mediados do século XVI; mais non foi ata o XVIII que empezou a ter relevancia para o consumo humano. Antes de chegar a pataca estaba a castaña. Debido a unha importante praga sufrida polos castiñeiros galegos, xeneralizouse a plantación e consumo destes tubérculos.

Unha das diferentes nomenclaturas que ten en Galicia é a de castañas de terra. Sexa como for, a pataca estendeuse por todo o territorio galego e fíxose moi popular socialmente, converténdose en vertebradora da gastronomía popular galega ata hoxe. Sen dúbida, alén da súa popularidade, está demostrado que a pataca en Galicia se deu ben non só en cantidade, senón tamén en calidade, de aí as diferentes variantes e o seu sabor único e amplamente recoñecido. O polbo con cachelos á galega é un auténtico manxar; igual que unha tortilla de Betanzos, a carne ao caldeiro ou unha boa caldeirada de peixe tamén son delicias nas que a pataca é protagonista coma en moitos outros pratos da nosa gastronomía. A función da pataca en Galicia é histórica. Eu declárome firme defensor deste saboroso tubérculo en todas as súas preparacións. Como curiosidade, dicir que na miña casa sempre se lle chamaron indias, por influencia do barallete, a xerga dos afiadores.