Bendita Euterpe

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente experiencia dunha pandemia universal, ademais de evidenciar que, malia a súa soberbia hipertecnolóxica, a humanidade segue sendo vulnerable, puxo en valor o labor impagable das persoas que consagran a súa vida a salvar as dos demais. Lembro como uns dos momentos máis emotivos do confinamento aqueles aplausos, simbólicos e cun destinatario virtual, que dedicabamos dende as fiestras a un persoal sanitario entregado e exemplar ata a heroicidade.

Resulta superfluo comparar o alcance dos descubrimentos e inventos da humanidade pero, con todos os meus respectos á maquina de vapor ou á teoría da relatividade, creo que a gratitude ecuménica aos grandes avances médicos leva unha marca moi especial. O descubrimento do bacilo da peste negra no seu momento tería aforrado cen millóns de mortes, pero, crueldades do destino, houbo que agardar cincocentos anos para que Alexander Yersin dera con el. A xenética de Mendel e os seus chícharos; a vacina de Jenner; os raios X de Roentgen ou a penicilina de Fleming inscríbense na historia como fitos senlleiros, tras cada un dos cales milleiros de persoas ficaron ao abeiro da enfermidade e a morte.

Moitos galenos da vella escola foron ademais reflexivos e lúcidos humanistas e legaron á posteridade páxinas brillantes. Claude Bernard, Santiago Ramón y Cajal, Gregorio Marañón, Pedro Laín Entralgo ou, varrendo máis para casa, Juan Rof Carballo ou Domingo García-Sabell, por citar só nomes próximos, proxectaron a sensibilidade profesional de quen traballa coa saúde allea nun labor intelectual, de reflexión ética, social e mesmo filosófica, de gran altura.

Notíciome por este xornal de que un proxecto conxunto do IDIS, o CHUS e a miña universidade, de nome un chisco alarmante, Sensogenoma (todo o que remata en -oma dá medo…), pon bases científicas a algo tan nobre e fermoso como o poder curativo da música, en concreto como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e contra o envellecemento. Coa súa lira, Orfeo amansaba as feras e acalmaba as angueiras de quen o escoitaba. Para min, neto e fillo de músicos, a música é vida, aire, harmonía. A música, bendita Euterpe, é saúde.