Lois Ladra, novo director do Museo do Pobo Galego

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

A asemblea do padroado aprobou a proposta da comisión nomeada para escoller substituto para Manuel Vilar, a piques de xubilarse. Xosé Manuel González Reboredo e Manuel Caamaño recibiron a insignia de ouro da institución

26 may 2024 . Actualizado a las 12:39 h.

O antropólogo e arqueólogo Lois Ladra (A Coruña, 1972) tomará nos próximos meses o mando do Museo do Pobo Galego, substituíndo deste xeito ao actual director, Manuel Vilar, que está a piques de xubilarse. Así o aprobou a asemblea do padroado que tivo lugar este sábado, e que deu o visto bo á proposta presentada pola comisión que se nomeara para procurar o mellor candidato para o posto.

Durante as vindeiras semanas comezará un proceso de traspaso de poderes a través, probablemente, dun contrato ponte que permita ao anterior director e ao novo intercambiar a información necesaria para culminar a transición do mellor xeito posible, segundo explicaba a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, ao rematar a asemblea do padroado.

Lois Ladra, coruñés de padres lucenses, ten unha longa vinculación co Museo do Pobo Galego. Estudou Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria e Etnoloxía e completou a súa formación cunha licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural. O seu nome está vencellado á divulgación e defensa do patrimonio cultural e por ese labor foi recoñecido co premio Pedra do Destino da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia.

A este galardón hai que sumar o premio de investigación Xesús Ferro Couselo (polas cruces de pedra no concello de Valga); premio de investigación Cátedra (polas telleiras no concello de Ares); premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (polas arquitecturas tradicionais da pesca nos ríos de Galicia); o premio Raigame-Xaquín Lorenzo (polas embarcacións fluviais tradicionais) e o premio de investigación Fermín Bouza-Brey (pola pesca fluvial artesanal no río Tea). Como investigador ten publicado unha ducia de monografías e máis de medio cento de artigos en revistas especializadas e de divulgación, así como varios libros en galego, castelán e portugués.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, acudiu á asemblea do padroado, que tamén aprobou as contas anuais e mais o informe do consello de goberno. Tamén se procedeu a incorporar a novos membros como representantes de socios.

Finalmente, fóronlle entregadas as insignias de ouro, a condecoración máis importante da institución, a dous homes con vencello co Museo do Pobo Galego practicamente dende a súa creación: Xosé Manuel González Reboredo foi membro fundador e o último presidente da xunta rectora, e Manuel Caamaño foi membro do padroado dende a creación da institución.