Recoñecen á Fundación Catedral de Santiago pola rehabilitación do templo: «Constitúe o cuarto gran momento na historia da mole catedralicia»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

<span lang= gl >O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, entrega ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, a distinción</span>
O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, entrega ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, a distinción XOAN A. SOLER

A Real Academia Galega de Belas Artes entregou este sábado en Santiago a súa Medalla de Honra a institución creada no 2008

28 oct 2023 . Actualizado a las 15:13 h.

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) entregou este sábado a súa Medalla da Honra á Fundación Catedral de Santiago polo seu labor de rehabilitación integral do templo e a transformación completa do programa museolóxico. «Estas obras de rehabilitación constitúen o cuarto gran momento na historia da gran mole catedralicia compostelá como expresión do presente que nos tocou vivir», afirmou o vicepresidente da institución, Celestino García Braña, encargado da laudatio no acto de entrega celebrado en San Roque.

Na súa intervención, García Braña tamén enxalzou o traballo desde o Museo catedralicio facendo fincapé na exposición que fixeron en conxunto sobre o Mestre Mateo no Museo do Prado, que espertou incluso o interese «dun gran museo neoiorquino, que a punto estivo de levala a súa sede». Ademais, recordou que o templo reclama novas intervencións, apuntando as obras de rehabilitacón e restauración que está a desenvolver en distintas capelas coa colaboración da Xunta. 

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, foi o encargado de recoller a medalla como presidente da Fundación Catedral. «É un estímulo recibir hoxe a distinción polos nosos esforzos por salvagardar o patrimonio catedralicio, coidando e revitalizalo», afirmou, apuntando que «a gran tarefa no presente é incorporar á beleza recibida a nosa sensibilidade contemporánea, facer que a súa mensaxe sexa accesible aos homes e mulleres que viven no presente». Con anterioridade, o arcebispo compostelán afirmou que «o que durante sete séculos foi a ansia de crear unha nova beleza a través dos grandes retos construtivos e artísticos, nos séculos XX e XX derivou en dúas accións significativas: o coñecemento riguroso e a patrimonialización culta dos ben herdados». Nese sentido, engadiu que os estudos históricos, as exploracións arqueolóxicas e as análises científicas dos obxectos artísticos permiten «xestionar con conciencia e con coidados a beleza que temos alcanzado».

O acto celebrado este sábado en Santiago estivo encabezado polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, quen deu os parabéns á Fundación Catedral polo recoñecemento, lembrando tamén a labor feita polo director da Fundacón, Daniel Lorenzo, e o director técnico do Museo, Ramón Yzquierdo Peiró, incidindo en que a institución museística recibiu no último ano máis de 400.000 visitantes. Ademais, lembrou a colaboración que vén mantendo a Real Academia Galega de Belas Artes coa entidade catedralicia, como a posta en marcha do Día das Artes Galegas no 2015, que estivo dedicado á figura do Mestre Mateo. Precisamente, a efeméride celébrase o 1 de abril como lembranza da data gravada nos linteis do pórtico da Gloria polo escultor e arquitecto.

Ao acto tamén asistiron, entre outros, o arcebispo emérito, Julián Barrio; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; así como a directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.