A música regresa a Ponteareas para render homenaxe ao mestre Groba

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A Orquestra de Cámara Galega en pleno concerto, nunha imaxe de arquivo.
A Orquestra de Cámara Galega en pleno concerto, nunha imaxe de arquivo. Eduardo Pérez

O festival, que se celebra do 12 ao 18 de agosto, estrena unha peza do compositor, «Suite laxeiriana», inspirada na obra do pintor lalinense

23 jun 2023 . Actualizado a las 23:08 h.

A música clásica volverá a Ponteareas este verán para render homenaxe a Rogelio Groba (Guláns, Ponteareas, 1930-A Coruña, 1 de xaneiro do 2023). Será entre os días 12 e 18 de agosto que a vila pontevedresa acollerá a 11.ª edición do Festival Groba —a primeira sen a presenza do mestre—, cuxo programa de concertos será executado por intérpretes de primeiro nivel e novas promesas e incluirá ademais a estrea dunha peza do ilustre compositor, a Suite Laxeiriana, que, como indica o seu nome, está inspirada na obra do pintor lalinense.

Do seu rico e amplo catálogo tamén soarán Danza de Alba, os concertos para violonchelo e cordas Añoranzas, Canto de berce, Catro bagatelas e Carpe Diem, unha selección dos Microconcertos e do ballet Danzas meigas, e a suite Grovias.

A interpretación destas partituras correrá ao cargo da Orquestra de Cámara Galega, formación residente do Festival Groba, que contará coa colaboración da frautista coreana Jasmine Choi, os violinistas Benjamin Morrison de Nova Zelandia e Petteri Iivonen de Finlandia, o violista chino Wen Xiao Zheng, o violonchelista bielorruso Georgi Anichenko e o violonchelista estremeño Joaquín Fernández, solista da Orquesta Nacional de España. Tamén actuarán a pianista italiana Elisa D’Auria e un dos referentes pianísticos habituais no festival suízo de Verbier, Julien Quentin. Así o explicou este venres en Ponteareas o director artístico do encontro, Rogelio Groba Otero, fillo do compositor, responsable da Fundación Rogelio Groba e creador, director e concertino da Orquestra de Cámara Galega.

O cartel complétase cun concerto dirixido aos máis pequenos no que o Dúo Indigo interpretará O carnaval dos animais, de Camille Saint-Saëns. Ademais, desenvolverase outra entrega do Programa de mentorship [titorización] iniciado a pasada edición. Este ano contan coa participación de membros da institución americana Boston String Academy, que nesta iniciativa recibirán clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas convidados ao festival. Como guinda a este traballo, poderán compartir escenario coa Orquestra de Cámara Galega.