Fernández del Riego, o primeiro galeguista na reflexión sobre un cinema propio

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

Del Riego, retratado no ano 2001.
Del Riego, retratado no ano 2001. J.M. CASAL

O intelectual foi pioneiro en defender o valor simbólico da sétima arte e a procura de filmes que superen os tópicos

07 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un xesto valente por facelo perante a longa noite de pedra, nos intres en que imperaba a produtora Cifesa, a propaganda do No-Do e o mantra da España única. Certo que, durante o franquismo, foron moitos os intelectuais galegos vinculados ao cine (diso ocupeime na miña tese de doutoramento con resultados certamente sorprendentes), pero ata o inicio da década dos setenta do século XX, foi o primeiro en facelo ás claras e a nome descuberto.

Francisco Fernández del Riego prodígase desde 1940 como columnista, de xeito que en 1947 reunirá varios artigos no seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito, que foi premiado nun concurso da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires e publicado nesa capital en 1949. O texto Cine e teatro nosos apareceu dous anos antes en castelán, e nunha versión máis curta, no diario La Noche (30/07/1947), baixo o seu pseudónimo Salvador de Lorenzana. Relaciona ambas disciplinas e toma como referente a obra dos irmáns Adolfo (o comediógrafo, no teatro) e Ramón (o director, no cine), aínda que só menciona unha vez o apelido Torrado. Fai alusións implícitas ao documental Por unha nova Galicia, producido pola compañía pontevedresa Folk, de Enrique e Ramón Barreiro, que se estreara «ante personalidades galeguistas e republicanas o 4 de marzo de 1933», segundo recolle Xosé Enrique Acuña no seu traballo Da historia do cine en Pontevedra. 1897-1936 (1996).

Fernández del Riego reivindica o ton e o carácter que debería ter un cine galego, e, por engadido, o teatro, mesmo co valor simbólico de telo publicado na lingua do país. Coas alusións críticas ao «torradismo», arremetía contra o modelo que xa impuña no cine español, co produtor galego Cesáreo González á cabeza, máximo valedor dos Torrado e a súa gallegada.

Contra o torradismo

Denuncia a «falla dun cine propio, capaz de espallar as caraiterísticas sustantivas que como pobo nos definen», e reprocha con dureza a visión que as pantallas dan de Galicia, esixindo que «deixen de se prodigar por escearios e pantallas torpes versións de Galicia, que amencen á rampronería, o descreto». Critica o torradismo, o chirusquismo —adxectivo derivado da obra teatral Chiruca, que firmou Adolfo Torrado en 1941—, e reproba que «as obras cinematográficas encol de temas galegos, son, por xeito sistemático, puros enxendros. E xa non é, somentes, que n-ilas se ridiculice á nosa terra. E que, dende o punto de ollada artístico, os espeitáculos que nos amosan, resultan lamentabels. Hai, n-ilas, en efeito, un deplorábel esmero en esleir o diálogo en infundas frases sin contido; unha marcada propensión a aderezalo con milleiros de muletiñas, escramaciós, bordonciños e lugares comúns».

O autor amosa a súa decepción, sen indicar o título, cun filme rodado en Galicia, que ben podería ser Mar abierto (Torrado, 1946), de estrea recente. Remata afirmando que «non temos ollado unha película encol de Galicia que nos dira d-ila unha versión diña e verace. [...] Moito cartón descobrimos, en verdade, n-isa Galicia almibarada, brandengue, rexión de cromo de caixa de pasas. De cartón se nos antoxou, asimesmo, o caráiter dos persoaxes. E acartonada, con eisceso, a interpretación, afectadísima, teatral, no peor senso da verba. Os seus principais persoaxes eishibindo unha tosca fachada de patás, que nos daban verdadeira lástema no seu papel». Remata reclamando que «o cine que sobor de Galicia se faga ha de ter diñidade e veracidade. O primeiro está en levar á pantalla guiós intelixentes, adaitacioes fideles de obras decorosas. Dende a literatura en castelán de Valle-Inclán, deica a novela galega de Otero Pedrayo, pasando por outros intermeios e pol-a creación guionista que puidera xurdir, eisiste material dabondo para darlle un novo rumo ao arte cinematográfico».

Reivindica o documental como o camiño para que Galicia sexa coñecida de xeito máis veraz e real, «sin concesiós ao tópico, nin á arbitrariedade. Emporiso, os mesmos noticiarios documentais que de Galicia se fagan, teñen de fuxir da nota manida, do lugar común».

Conclúe o seu ensaio Francisco Fernández del Riego mantendo «a ilusión dun mundo mozo que no que o arte e Galicia poidan conxugarse nun felice acerto de iniciativas realizabels», despois de amosarse totalmente desesperanzado coa coxuntura cinematográfica española do momento, afirmando que «non poderíamos agardar que ao Sr. Torrado —e aos seus conxéneres— lles xurdise de súpeto o xenio, en forma de halo que circunde a súa fronte».

Miguel A. Fernández é crítico cinematográfico, doutor e profesor do grao de Comunicación Audiovisual da Facultade de Comunicación na Universidade de Vigo.