Borges e Rosalía

CULTURA

Jorge Luis Borges (Bos Aires, 1899-Ginebra, 1986) e Rosalía de Castro (Santiago, 1837-Padrón, 1885).
Jorge Luis Borges (Bos Aires, 1899-Ginebra, 1986) e Rosalía de Castro (Santiago, 1837-Padrón, 1885).

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se a literatura española do século XIX se salva é por Rosalía de Castro», sostiña con sutil contundencia o grande escritor Jorge Luis Borges, pai do realismo máxico e frustrado premio Nobel por razóns politicamente miserentas que se sostiveron quizais porque o arxentino, nacido en Bos Aires en 1899, gozaba de moitas simpatías literarias, pero tamén de rexos adversarios ideolóxicos que non lle perdoaron o seu humor crítico e irónico. Non obstante, a el débeselle, en boa parte, a renovación da linguaxe de ficción da narrativa latinoamericana.

Cando visitou Santiago de Compostela en 1964, guiado polo galeguista Ramón Piñeiro, mostrou un enorme asombro ante «unha das cidades máis singulares e importantes» que coñecera. E foi nesta cita coa capital espiritual de Galicia onde falou de Rosalía de Castro cunha admiración desbordada que só consentía citar tras dela (e doutra maneira) a Ramón del Valle-Inclán, o sublime inmortal que viñera finar a Compostela en 1936, pouco antes de que estalase en España unha brutal guerra civil.

Na viaxe a Compostela, a Borges acompañouno María Esther Vázquez, a súa compañeira sentimental, de raíces familiares pontevedresas. E o escritor desfrutou moito da cidade, da súa vida cotiá e das historias e tradicións que a singularizaban. «Santiago é unha das cidades máis importantes de cantas coñecín», afirmou.

En Arxentina, Borges tivera estreita relación cos galegos Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste, e isto influíu decisivamente na súa aproximación a Compostela. É dicir, xa traía incorporada unha visión que se dedicou a confirmar con enorme satisfacción.

E obviamente non faltou quen lle preguntase, como pai que era do realismo máxico, se esperaba que lle outorgasen o merecido Nobel de literatura. Borges foi irónico e contundente: «Eu sempre serei o futuro Nobel. Debe de ser unha tradición escandinava». Porque xa levaba anos sendo candidato, pero sempre llo daban a outro, por máis inexplicable que puidese parecer. Así, pois, nunca houbo un Nobel para el, por máis acreditados que estaban os seus méritos e as opinións dos seus admiradores.